Luis Menor destaca en Funergal o peso do sector funerario na economía provincial

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este xoves na inauguración da décimo terceira edición de Funergal, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, que se celebra en Expourense ata o sábado e reúne a máis de corenta expositores procedentes de dez países.
Durante a visita inaugural, Menor puxo en valor a relevancia económica e social dun sector que definiu como xerador de emprego estable, innovación e actividade empresarial na provincia. O presidente provincial subliñou ademais o papel das empresas funerarias no acompañamento ás familias en momentos especialmente delicados.
“A provincia conta cun tecido de pequenas, medianas e grandes empresas que vertebra o territorio, que xera riqueza no noso rural e nas nosas vilas, e que demostra un grao de profesionalidade e sensibilidade exemplar”, afirmou.
A Deputación de Ourense mantén o seu apoio á feira, considerada a única mostra internacional do sector funerario na Península Ibérica. Nesta edición participan 44 expositores de dez países, nun encontro orientado ao intercambio profesional, á actividade comercial e á proxección exterior das empresas participantes.
Funergal reúne en Expourense representación de toda a cadea de valor do sector funerario, consolidándose como un espazo especializado para o contacto empresarial e a creación de novas oportunidades de negocio. A organización prevé unha elevada participación de profesionais, especialmente procedentes de Portugal, que representan o 35 % das acreditacións rexistradas.