Luis Menor pon en valor o Rally como símbolo emocional e “motor económico e social para Ourense”

OurenseXa
O presidente provincial reafirmou o apoio da Deputación a esta histórica proba que regresará do 12 ao 13 de xuño
presentacion-rally-ourense-2026
5 Jun 2026

O Rally de Ourense quenta motores para a súa 59ª edición tras a presentación oficial celebrada este xoves na Confederación Empresarial de Ourense, un acto no que participou o presidente da Deputación, Luis Menor, quen destacou a importancia dunha cita consolidada como unha das máis prestixiosas do automobilismo español e a principal referencia do motor en Galicia.

Durante a súa intervención, Menor puxo o foco na traxectoria dunha proba que, despois de case seis décadas de historia, continúa atraendo milleiros de afeccionados e mantendo o seu prestixio dentro do calendario nacional. Segundo sinalou, o Rally de Ourense “mantén intacta a súa capacidade de mobilización, a paixón da súa afección e o prestixio que a converte nun referente do automobilismo nacional”.

O presidente provincial subliñou que a competición vai moito máis alá do ámbito deportivo e forma parte da identidade da provincia. Neste sentido, definiuna como “patrimonio emocional da provincia”, destacando o vínculo que mantén con varias xeracións de ourensáns.

Menor relacionou tamén o éxito da proba coas características propias do territorio, lembrando que Ourense é unha provincia recoñecida polo termalismo, a gastronomía e a hospitalidade da súa xente, pero tamén por unhas condicións que a converteron nun escenario privilexiado para o deporte do motor. Así mesmo, destacou o papel dunha afección que cualificou de “extraordinaria, coñecedora e apaixonada”, así como a esixencia dos tramos ourensáns, moi valorados polos participantes.

Ademais do seu impacto deportivo, o presidente da Deputación incidiu na repercusión económica e turística que xera o Rally de Ourense. Ao seu xuízo, a proba constitúe “un auténtico motor económico e social para Ourense”, grazas á chegada de visitantes procedentes de diferentes puntos de España e Portugal, o que supón un importante impulso para sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos.

Para rematar, Luis Menor reafirmou o apoio da Deputación ao deporte do motor e ao Rally de Ourense, agradecendo o labor desenvolvido pola Escudería Ourense, os patrocinadores, as institucións colaboradoras e o voluntariado. Un traballo colectivo que permite que a competición continúe medrando e que, segundo destacou, “segue acelerando cara ao futuro sen perder a esencia que a converte nun acontecemento verdadeiramente único”.

0.13387703895569