Luis Menor traslada o respaldo da Deputación á UD Ourense tras o seu ascenso á Primeira Federación

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu este mércores no Pazo Provincial á directiva, aos xogadores e ao corpo técnico da Unión Deportiva Ourense para felicitalos polo recente ascenso á Primeira Federación, un logro que cualificou de histórico para o deporte ourensán.
Durante o acto, Menor expresou o apoio da institución provincial ao proxecto deportivo da entidade e reafirmou o seu “apoio inquebrantable” ao club. Segundo destacou, respaldar á UD Ourense supón “apostar pola nosa identidade, é soster o orgullo de miles de ourensáns que ven en vós os valores que nos definen: a lealdade, o esforzo e a dignidade”.
O presidente provincial puxo en valor o significado deste ascenso para toda a provincia e definiuno como "a proba mesma de que cando Ourense cre en si mesmo, non hai meta que se lle resista".
Na súa intervención tamén tivo palabras de recoñecemento para os distintos estamentos do club. Agradeceu aos xogadores o feito de “defender con paixón” á provincia, á directiva e ao corpo técnico por exercer “un liderado con cabeza e corazón”, e destacou igualmente o papel da afección, á que definiu como “o motor que nunca se apaga”.
Menor comprometeuse ademais a "dar a batalla fóra dos terreos de xogo" para contribuír a que a entidade dispoña das ferramentas necesarias para continuar medrando e considerou que o teito da Unión Deportiva Ourense "aínda non está escrito".
O presidente da Deputación lembrou que o ascenso é o resultado dun traballo sostido no tempo, baseado no esforzo, a constancia e a capacidade de superación do equipo. Un éxito que culminou coas celebracións vividas en Cuenca tras o ascenso e coa multitudinaria recepción que os afeccionados brindaron ao equipo na Praza Maior de Ourense.
A recepción institucional serviu así para recoñecer unha tempada que quedará marcada na historia do club e do fútbol ourensán, tras conseguir o salto á categoría de Primeira Federación.