Luz verde ambiental á transformación de 17,1 hectáreas para viñedo no concello de Toén

OurenseXa
A iniciativa para o cultivo de viñedo abrangue unha superficie de 17 hectáreas localizadas no monte veciñal en man común da Fenteira, na parroquia de Puga
vendimia-viñedos-ribeira-sacra
15 Apr 2026

A Xunta de Galicia vén de emitir unha declaración de impacto ambiental favorable a un proxecto que prevé o cambio de uso de solo forestal a agrícola en dez parcelas situadas no monte veciñal en man común da Fenteira, no concello de Toén. En total, a actuación abrangue 17,1 hectáreas e está orientada á implantación de viñedos.

Segundo o informe de impacto ambiental (IIA) elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non se prevén efectos adversos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes establecidos tanto na documentación avaliada como na propia resolución autonómica.

O procedemento tramitouse mediante avaliación de impacto ambiental simplificada. Durante a fase de participación pública non se recibiron achegas cidadás e consultáronse nove organismos, que emitiron informes con condicións específicas. Estas recomendacións inclúen medidas relacionadas coa protección da atmosfera, a poboación e a saúde, así como da auga e dos leitos fluviais, a xestión de residuos, a fauna e a vexetación, o patrimonio cultural e a integración paisaxística.

O informe conclúe a viabilidade do proxecto sempre que se cumpran todos estes requisitos, que se engaden ao programa de vixilancia ambiental recollido na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

A autorización ambiental non exime o promotor da obriga de obter o resto de permisos, licenzas ou autorizacións legalmente esixibles. A resolución xa foi remitida ao órgano substantivo e será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e na web da Xunta de Galicia.

En canto á execución do proxecto, na parroquia de Puga está prevista a eliminación da cuberta arbórea existente —principalmente piñeiros—, a roza da vexetación arbustiva, a preparación do terreo e o abonado, para posteriormente proceder á plantación das vides, de forma manual ou con maquinaria. Tamén se instalarán estruturas de espaldeira con postes de madeira ou metálicos e arames para guiar as plantas.

Na fase de explotación realizaranse tarefas habituais de mantemento do viñedo, como rozas, replantacións, fertilización, tratamentos fitosanitarios, podas e recollida da uva.

0.12805008888245