Luz verde ambiental ao plan especial de protección do casco histórico de Baños de Molgas

A Xunta de Galicia vén de emitir o informe ambiental estratéxico favorable ao plan especial de protección do casco histórico do municipio ourensán de Baños de Molgas. O documento, publicado no Diario Oficial de Galicia, avala o desenvolvemento desta ferramenta urbanística sempre que se cumpran as condicións establecidas en materia de patrimonio, paisaxe e servizos básicos.
Segundo recolle a resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non se prevén impactos ambientais significativos derivados do plan, sempre que se apliquen as medidas de protección recollidas no propio informe. Este foi tramitado a través do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada, no que participaron organismos públicos consultados e no que non se recibiron achegas por parte da cidadanía durante o período de exposición pública.
O informe foi remitido tanto ao Concello de Baños de Molgas, promotor e órgano responsable do plan, como aos organismos implicados, e faise agora público a través do DOG e da web da Consellería.
O plan ten como finalidade ordenar de maneira detallada o casco histórico da localidade, co obxectivo de potenciar o uso residencial, preservar o tecido arquitectónico tradicional e poñer en valor o patrimonio cultural e histórico. Tamén prevé actuacións de rehabilitación de espazos públicos, mellora dos servizos básicos e recuperación da paisaxe urbana, coa intención de favorecer a cohesión social e dinamizar a economía local.
O ámbito afectado abrangue preto de 60.000 metros cadrados do núcleo urbano, tal e como delimita o Plan Xeral de Ordenación Municipal, incluíndo tamén terreos lindeiros.
Baños de Molgas conta cun casco histórico situado á beira do río Arnoia, nunha contorna vinculada historicamente a un antigo asentamento romano, do que se conservan elementos como unha ponte e outros restos arqueolóxicos. O tecido urbano caracterízase por unha estrutura compacta con predominio de vivenda tradicional, muros de pedra e elementos singulares como os coñecidos “campos de hórreos”.
O catálogo urbanístico municipal recolle ademais numerosos bens de interese arquitectónico, etnográfico e arqueolóxico, así como o corredor fluvial do val do Arnoia como espazo natural protexido.
O plan prevé a aplicación de normas específicas para a conservación do patrimonio, a regulación dos usos do solo e a mellora da xestión das infraestruturas, ademais da elaboración dun catálogo detallado dos elementos culturais do núcleo histórico.