Maceda reúne máis de 800 deportistas na XVIII BTT e na Liga Galega de Karate

OurenseXa
Luis Menor destacou o papel do municipio como sede de eventos deportivos “de primeiro nivel” e asegurou que “o deporte é o mellor escaparate para o noso rural”
xornada-deportiva-maceda
23 May 2026

Maceda converteuse este sábado no epicentro do deporte provincial coa celebración da XVIII edición da BTT de Maceda e da terceira xornada da Liga Galega de Karate, dous eventos que reuniron a máis de 800 participantes entre ciclistas e karatekas.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asistiu ás dúas citas deportivas e puxo en valor a capacidade do municipio para acoller competicións de gran relevancia. Durante a mañá saudou aos máis de 200 corredores e corredoras que participaron na proba ciclista organizada polo Club Ciclista Maceda e, posteriormente, participou na entrega de medallas da competición de karate.

A BTT de Maceda, integrada na Copa Deputación de Ourense e na Copa de Galicia, desenvolveuse no circuíto habitual situado nos arredores do río Arnoia, con saída e chegada nas piscinas municipais. O percorrido, de 4,5 quilómetros por volta, é xa un referente do ciclismo de montaña galego e chegou a albergar campionatos de España.

Luis Menor destacou o traballo do Club Ciclista Maceda, “capaz de xuntar a tanta xente en cada edición”, e salientou a participación de deportistas de diferentes categorías, desde infantís ata máster, o que demostra que o deporte en Ourense “ten presente e moito futuro”.

A xornada completouse coa celebración da terceira proba da Liga Galega de Karate no pavillón municipal, onde se deron cita máis de 650 deportistas pertencentes a 35 clubs. Entre eles destacaron catro entidades ourensás: o Karate Club Maceda, anfitrión da competición, o Club Karate Xinzo de Limia, o Mizukami de Ribadavia e o River Stone do Barco de Valdeorras, que achegaron en conxunto 185 participantes.

A competición contou tamén coa presenza de tres clubs portugueses, reforzando así os vínculos deportivos transfronteirizos, e incluíu probas de Para-Karate. Neste sentido, Menor subliñou que esta modalidade “encaixa perfectamente coa visión deste Goberno provincial de apoiar un deporte inclusivo, accesible e sen barreiras”.

Desde a Deputación reivindicaron a importancia de apoiar este tipo de iniciativas deportivas destacando “que o deporte é o mellor escaparate para o noso rural”. Eventos como este, sinalou, “atraen visitantes, dinamizan a economía local e amosan a mellor cara de Ourense: unha provincia activa, sa e cunha contorna natural idílica para a práctica deportiva”.

0.14212894439697