Máis de 100 deportistas participan na quinta regata provincial de piragüismo no encoro de San Martiño

OurenseXa
O Piragüismo Ourense impúxose na clasificación xeral por clubs desta proba da Liga Ourensá-Copa Deputación de Ourense 2026
Liga-Copa-Deputación-de-Ourense-26
30 Aug 2026

O encoro de San Martiño, na Rúa, acolleu este sábado a quinta regata provincial de piragüismo, unha das probas incluídas na Liga Ourensá-Copa Deputación de Ourense 2026. A competición reuniu máis de 100 deportistas procedentes dos diferentes clubs da provincia de Ourense.

A xornada desenvolveuse ante a presenza de numeroso público e contou con diferentes distancias en función das categorías. Os participantes prebenxamíns, benxamíns e alevíns realizaron un percorrido de 1.000 metros, mentres que a categoría infantil afrontou 2.000 metros e os cadetes completaron unha distancia de 4.000 metros.

Na clasificación individual, os primeiros postos por categorías foron para Nicolás Andrés, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, en cadete masculino; Lena González, do mesmo club, en cadete feminino; Thiago Paz e Ximena Teijeiro, do Piragüismo Ourense, en infantil A masculino e feminino, respectivamente; e Gabriel Chávez e Paola Louzao, tamén do Piragüismo Ourense, en infantil B.

En benxamíns A, os vencedores foron Guillermo Dacruz, do Fluvial Allariz, e Hannah Carvajal, do Piragüismo Ourense. En benxamíns B impuxéronse Mauro Quintas, do Fluvial Allariz, e Carla Varela, do Piragüismo Ourense.

Na categoría alevín A, Nicolás Carbajal e Jara Paz, ambos do Piragüismo Ourense, lograron o primeiro posto masculino e feminino. En alevín B, os gañadores foron Asier Mora, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, e Ximena González, do Náutico Ribeiro. Finalmente, Marco Tomasello, do Piragüismo Ourense, venceu na categoría prebenxamín masculina, mentres que Maia Sophie Carbajal, tamén do Piragüismo Ourense, foi primeira na feminina.

Na clasificación xeral por clubs, o Piragüismo Ourense ocupou a primeira posición, seguido do Fluvial Avión-Castrelo de Miño e do Náutico Ribeiro. O Fluvial O Barco rematou cuarto, o Fluvial Allariz foi quinto e o S. C.D.X. Fontefría (Muiños) pechou a clasificación na sexta posición.

A quinta regata provincial foi organizada polo Club Fluvial O Barco e a Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello da Rúa.

A entrega de trofeos contou coa participación de María del Carmen González, deputada provincial con delegación especial para Valdeorras; Avelino Fernández, concelleiro de Deportes do Concello da Rúa; José Manuel Fernández, presidente da xestora da Federación Galega de Piragüismo; e Rubén Ondoño, presidente do Club Fluvial O Barco.

0.1404070854187