Máis de 150 persoas percorren en Toén un treito do antigo camiño real entre Puga e Alongos no Festival PeDRa

A Carballeira de Puga acolleu unha nova xornada do Festival PeDRa, centrada en pór en valor o patrimonio cultural e paisaxístico da zona. A cita reuniu a máis de 150 persoas, que percorreron parte do antigo camiño real que unía as localidades de Puga e Alongos, un trazado histórico que discorre á beira do río Miño.
Ao longo do itinerario, os participantes fixeron parada en varios puntos de interese, entre eles o porto de Feá e a paraxe de Quenlle, dous enclaves vinculados historicamente á vida cotiá dos veciños de ambas as dúas ribeiras do río. A actividade tivo como obxectivo achegar aos asistentes ao xeito de vida das comunidades ribeiráns ao longo do tempo, así como ás conexións que historicamente mantiveron as dúas marxes do Miño a través deste camiño.
A programación da xornada incluíu, ademais da ruta, un obradoiro de cestería tradicional, no que os asistentes puideron coñecer de primeira man esta técnica artesanal. Tamén se contou coa participación do contacontos Anxo Moure, quen, xunto coa embarcación coñecida como O Caxoto, achegada polos veciños de Astariz, fixo posible que as embarcacións tradicionais volvesen navegar as augas do Miño durante a celebración.
A xornada completouse cunha actuación musical a cargo do dúo Columna Vegana, que puxo a banda sonora a unha cita na que se combinaron natureza, memoria histórica e tradición popular nun contorno natural como é a Carballeira de Puga, no concello de Toén.