Máis de 200 nenos participarán este sábado no I Memorial Antonio Varela no campo de Velle

OurenseXa
A cita reunirá a xogadores e xogadoras da categoría prebenxamín pertencentes a 16 equipos de toda a provincia e a recadación das entradas irá destinada á asociación Por Eles TEA
presentacion-memorial-velle
20 May 2026

O campo municipal de Velle será este sábado, 23 de maio, o escenario da primeira edición do Memorial Antonio Varela, un torneo de fútbol base organizado polo Club Deportivo Velle en homenaxe ao seu primeiro presidente.

A cita reunirá máis de 200 xogadores e xogadoras da categoría prebenxamín, de entre 6 e 7 anos, pertencentes a 16 equipos de toda a provincia.
A xornada deportiva desenvolverase de forma continuada entre as 10.00 e as 20.00 horas. O formato de competición incluirá unha fase inicial de grupos, seguida de eliminatorias ata chegar á final.

Ademais do compoñente deportivo, o torneo terá un marcado carácter solidario. A recadación das entradas, cun prezo de 5 euros, destinará 2 euros de cada tícket ao apoio do labor da asociación Por Eles TEA, centrada no acompañamento e atención a persoas con trastorno do espectro autista e ás súas familias.

O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello, nun acto no que participaron representantes das distintas institucións colaboradoras. Entre eles estiveron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o representante da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, e o responsable de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez.

Pola parte organizadora asistiron o presidente do Club Deportivo Velle, Paco Sotelo, e o directivo Javier Novoa. Tamén estiveron presentes representantes de Por Eles TEA, entre eles a súa presidenta Eva Guzmán, a vicepresidenta María Dolores Losada e a vogal Monse Salgado.

Con esta iniciativa, o club busca lembrar a figura de Antonio Varela ao tempo que promove o deporte base e impulsa unha acción solidaria con impacto social na provincia.

0.13385891914368