Marcha Mundial das Mulleres critica o premio a un maio con simboloxía franquista na Festa dos Maios de Ourense

A Marcha Mundial das Mulleres - Galiza denuncia que un monumento de simboloxía franquista resultou gañador na categoría de maios artísticos no marco da Festa dos Maios de Ourense, celebrada o 3 de maio de 2026.
Segundo explican, o xurado outorgou o primeiro premio a un maio que homenaxea a escultura coñecida como “El ángel caído”, de Francisco Asorey, unha obra que, segundo sinalan, está vinculada á exaltación dos caídos do bando sublevado e que foi colocada fronte ao antigo Goberno Civil (actual Subdelegación do Goberno). Engaden ademais que sobre este monumento xa se tiña solicitado intervención por posíbel incumprimento da Lei de Memoria Democrática.
A organización considera “lamentábel e inadmisíbel” que desde unha institución se permita o ensalzamento dunha obra destas características, especialmente nun contexto de festa popular. Critican tamén que o certame, moi concorrido por visitantes e participantes de distintos ámbitos culturais e educativos, perdeu unha oportunidade de fomentar a pedagoxía e a concienciación democrática.
Así mesmo, sinalan que a “espectacularización” da festa por riba do seu contido creativo levou a premiar unha proposta que, ao seu xuízo, contradí valores como a liberdade e a democracia.
Aínda recoñecendo o traballo creativo da peza, a Marcha Mundial das Mulleres - Galiza afirma que non debería ser premiado aquilo que, segundo indican, simboliza a exaltación do franquismo.