Maside terá en 2026 un orzamento municipal de 2,6 millóns de euros

O Concello de Maside deu luz verde definitiva ao seu orzamento xeral para o ano 2026, despois de que o documento permanecese un tempo a disposición dos veciños sen que ninguén presentase obxeccións. Deste xeito, as contas municipais, que xa fosen aprobadas de forma inicial polo pleno da Corporación a finais de setembro, pasan agora a ser firmes.
O orzamento municipal para o vindeiro exercicio ascende a 2.652.010,52 euros, unha cifra que se reparte entre ingresos e gastos.
De onde virá o diñeiro
A maior parte dos ingresos municipais procederá das transferencias que recibe o Concello doutras administracións, que suman 1.294.630,84 euros. A continuación sitúanse as taxas, prezos públicos e outros ingresos propios do Consistorio, con 709.200 euros, e os impostos directos, como o IBI ou o imposto de vehículos, que achegarán 627.350 euros ás arcas municipais. Os impostos indirectos sumarán 20.000 euros, mentres que os ingresos patrimoniais serán unha partida máis modesta, de 829,68 euros.
En que se investirá
No capítulo de gastos, a partida máis abultada corresponde ao persoal municipal, con 1.366.547,08 euros destinados a soldos e cotizacións dos traballadores do Concello. Séguenlle os gastos correntes en bens e servizos, é dicir, o funcionamento diario do Consistorio, con 889.735,61 euros.
Os investimentos reais —obras, melloras e novos proxectos— contarán con 278.781,07 euros, mentres que o pago da débeda (pasivos financeiros) levará 55.000 euros. As transferencias correntes a outras entidades sumarán 53.896,76 euros e os gastos financeiros quedarán en 8.050 euros.
O cadro de persoal
Xunto co orzamento, o pleno tamén aprobou o cadro de persoal do Concello para 2026. En total, a Corporación contará con 2 funcionarios (o posto de secretaría-intervención e unha praza de operario condutor), 29 traballadores laborais fixos —entre os que se inclúen persoal de administración, un arquitecto, traballadora social, psicóloga, educadora social e auxiliares de axuda no fogar, entre outros— e 20 traballadores laborais temporais, moitos deles vinculados a programas de emprego como as brigadas de prevención de incendios forestais, o servizo de socorrismo na época estival ou distintos programas de mellora da empregabilidade.
Das prazas de persoal laboral fixo, catro figuran actualmente vacantes, aínda que están cubertas de maneira provisional.
Dietas e retribucións dos concelleiros
O documento orzamentario tamén recolle as cantidades que percibirán os concelleiros pola súa asistencia aos órganos de goberno municipal. Así, os edís cobrarán 100 euros por cada sesión, xa sexa ordinaria ou extraordinaria, á que asistan no Pleno, e 50 euros por cada sesión da Xunta de Goberno Local ou da Comisión de Contas, salvo que teñan dedicación exclusiva ou parcial, caso en que non percibirán estas asistencias.
Así mesmo, mantense a dedicación exclusiva para un concelleiro ou concelleira que desempeñe funcións delegadas, cunha retribución anual de 24.023,76 euros repartidos en 14 pagas.
Por outra banda, o Concello fixou o límite da masa salarial do seu persoal laboral en 813.423,70 euros para este exercicio, unha cantidade que podería ampliarse se se conceden novos programas de emprego temporal subvencionados por outros organismos.