Membros do Ximnasio Estudio A Valenza fórmanse en defensa persoal de cara aos obradoiros do 25N

OurenseXa
Varios integrantes do club actualizaron os seus coñecementos en defensa persoal nun curso celebrado en Vigo, previo aos obradoiros gratuítos que impartirán para mulleres con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Club Ximnasio Estudio A Valenzá
26 Oct 2026

Coa chegada do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Ximnasio Estudio A Valenza ultima a preparación dos obradoiros de defensa persoal que impartirá para mulleres en distintos puntos da provincia, en colaboración con varios concellos. Antes de poñer en marcha estas sesións, tres dos seus integrantes, José Manuel Fernández, Francisco Molina e Andrea Pereira, pasaron por un proceso de actualización dos seus coñecementos técnicos.

Ese repaso tivo lugar a pasada fin de semana en Vigo, onde se celebrou un curso de tecnificación que congregou a preto de vinte deportistas procedentes das catro provincias galegas, aos que se sumaron varios participantes chegados desde Madrid. Á fronte da formación estivo José Luis Rivera, mestre madrileño que ostenta o 8º Dan en Ninhon Tai-Jitsu e que está considerado unha das principais autoridades do país nesta disciplina.

O programa do curso abranguiu diferentes técnicas de defensa persoal, aínda que o bloque que concentrou maior atención foi o relativo a como actuar fronte a agresións cometidas con obxectos cortantes, como coitelos ou navallas, un terreo no que a traxectoria de Rivera lle valeu recoñecemento a nivel nacional.

Con esta formación xa incorporada, os obradoiros previstos para as semanas previas ao 25N buscarán achegar ás mulleres de distintos municipios da provincia nocións prácticas de autoprotección, no marco das actividades que habitualmente se organizan nestas datas para sensibilizar sobre a violencia machista.

0.17678904533386