Monterrei acolleu os Xogos Special Olympics Galicia nunha xornada centrada na inclusión e o deporte

OurenseXa
Os xogos reuniron participantes con discapacidade intelectual nun encontro que, ademais da práctica deportiva, puxo o foco en valores como o esforzo, o compañeirismo, o respecto e a integración
special-olympics-monterrei-pereiro
20 Apr 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este domingo na inauguración dos Xogos Special Olympics Galicia, celebrados nas instalacións do Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, no municipio de Pereiro de Aguiar.

O acto reuniu a deportistas de distintos puntos da comunidade nunha xornada marcada polo deporte, a convivencia e a inclusión. Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou o significado desta cita, cualificándoa como “un exemplo de igualdade de oportunidades e de participación real das persoas con discapacidade intelectual”, ao tempo que reafirmou o compromiso da institución co impulso do deporte inclusivo como ferramenta de cohesión social.

A iniciativa estivo promovida pola asociación As Burgas, coa colaboración de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, a Xunta de Galicia e a propia Deputación de Ourense.

Os xogos reuniron participantes con discapacidade intelectual nun encontro que, ademais da práctica deportiva, puxo o foco en valores como o esforzo, o compañeirismo, o respecto e a integración, converténdose nun espazo de convivencia e visibilización do deporte para todos.

0.12486791610718