Movemento Sumar Galicia esixe a dimisión inmedianata de Jácome

Movemento Sumar Galicia reclamou este martes a dimisión inmediata do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras a súa imputación por un presunto delito de prevaricación, unha situación que a formación considera incompatible coa súa continuidade no cargo.
A organización política sostén que a cidade non pode seguir soportando unha situación de “degradación institucional” na alcaldía e critica a existencia de escándalos continuos e unha forma de gobernar que, ao seu xuízo, supón un deterioro das normas básicas de respecto democrático.
En palabras do Movemento Sumar Galicia, a imputación non sería un feito illado, senón a culminación dunha serie de comportamentos que, segundo sinalan, afectaron de maneira grave á imaxe do Concello e á confianza da cidadanía nas institucións. A formación conclúe que a permanencia de Jácome no cargo supón unha “anomalía democrática” que debe resolverse de inmediato para evitar un maior desgaste da credibilidade pública.
O secretario xeral da formación, Paulo Carlos López, afirma que “Ourense non merece estar sometida a un espectáculo constante de falta de respecto, de descontrol institucional e de actitudes que avergoñan á cidadanía”, e advirte que “non se trata só dunha cuestión xudicial, senón dunha cuestión de dignidade democrática e de responsabilidade política”.
Desde o Movemento Sumar Galicia subliñan ademais que o rexedor leva anos protagonizando episodios que consideran impropios dun cargo público, con faltas de respecto reiteradas cara á oposición, ao persoal municipal e á veciñanza. Ao seu xuízo, este estilo político exemplifica unha degradación institucional que contribúe á desafección cidadá e ao deterioro da convivencia política.
A organización apela tamén a unha resposta política conxunta e tende a man ás forzas da esquerda da cidade para articular unha candidatura de unidade que permita desaloxar a Jácome e aos seus aliados do Partido Popular do goberno municipal. Defenden que Ourense precisa, ao seu entender, un executivo “limpo, serio e con capacidade” para reverter anos de estancamento e deterioro.
Movemento Sumar Galicia conclúe que a situación actual é insostible e insiste en que a saída debe pasar pola dimisión inmediata do alcalde, co obxectivo de abrir unha nova etapa na cidade baseada na “responsabilidade” e na recuperación da normalidade institucional.