Nace o Circuíto Basket 3x3 da Deputación de Ourense, que percorrerá seis concellos da provincia

A Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto impulsan a posta en marcha do primeiro Circuíto Basket 3x3 Deputación de Ourense, unha iniciativa que levará esta modalidade deportiva a seis vilas da provincia durante os meses de agosto e setembro.
O proxecto foi presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, no marco do Programa de Fomento Deportivo 2026 da institución provincial, do que forma parte esta proposta. O obxectivo é promover a práctica deportiva, fomentar hábitos de vida saudables e achegar o baloncesto á cidadanía a través dun formato máis dinámico e accesible.
Durante a presentación, Menor subliñou o carácter desta iniciativa como unha aposta por un deporte “próximo, integrador e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia”, destacando tamén o papel da actividade física como ferramenta de saúde, convivencia e dinamización social nos municipios.
O circuíto percorrerá os concellos de Muíños (16 de agosto), Ribadavia (21 de agosto), O Carballiño (22 de agosto), Xinzo de Limia (29 de agosto), Allariz (30 de agosto) e O Barco de Valdeorras (5 de setembro). A competición está aberta a equipos federados e non federados, con categorías que van desde preminibasket e minibasket ata infantil, cadete, júnior e sénior, e permitirá a participación de equipos masculinos, femininos e mixtos.
Ademais da propia competición, cada sede contará con actividades complementarias e de animación, co obxectivo de converter cada xornada nun espazo de encontro e participación arredor do deporte.
Os equipos mellor clasificados en cada categoría en cada unha das sedes accederán á gran final, que se celebrará o 19 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz, en Ourense.
Luis Menor agradeceu a colaboración da Federación Galega de Baloncesto e dos concellos participantes e confiou en que esta primeira edición “se converta nun éxito e sente as bases dunha cita chamada a consolidarse no calendario deportivo provincial nos vindeiros anos”.