Natalia González anuncia a súa precandidatura á Secretaría Xeral do PSdeG de Ourense

A voceira municipal socialista, Natalia González, anunciou a súa intención de formalizar a súa precandidatura á Secretaría Xeral da Agrupación Socialista de Ourense no marco do proceso de primarias aprobado polo Comité Federal do PSOE o pasado sábado.
Durante a súa comparecencia ante os medios, González explicou que toma esta decisión tras un período de reflexión e co respaldo que, segundo indicou, lle amosou a militancia ao longo da súa traxectoria política.
“Presento esta precandidatura coa mesma ilusión coa que comecei hai máis de vinte anos, pero tamén coa experiencia acumulada durante este tempo. É un proxecto colectivo, construído con persoas que cren nunha Ourense distinta e nun Partido Socialista forte, unido e preparado para liderar o cambio que precisa esta cidade”, asegurou.
A voceira socialista puxo en valor o traballo desenvolvido polo Grupo Municipal nos últimos anos e afirmou que o PSdeG representa “a única alternativa real” ao actual modelo de goberno.
“Quero construír unha cidade máis ambiciosa, que pense nas persoas e no seu futuro, afastada dos intereses particulares e das estratexias electoralistas. Hai unha maioría social que quere unha Ourense diferente e o Partido Socialista ten a responsabilidade de liderar ese proxecto”, afirmou.