Natalia González proponse como candidata á alcaldía nunha posible moción contra Jácome

OurenseXa
A voceira socialista sostén que o PSdeG ten proxecto e equipo para liderar o Concello e aposta por abrir negociacións para conformar unha alternativa de goberno
natalia-gonzalez-psoe-ourense
26 May 2026

A voceira do PSdeG no Concello de Ourense e secretaria xeral da formación na cidade, Natalia González, defendeu esta mañá a capacidade das socialistas para encabezar unha alternativa de goberno en Ourense fronte ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Durante a súa intervención ante os medios, a dirixente socialista sinalou que é necesario explorar diferentes opcións políticas desde a responsabilidade de cada formación e advertiu de que “o tempo pasa e canto máis se afiance esta maioría sostida por determinados partidos peor vai a ser para a cidade”.

González insistiu en que o seu grupo ten “equipo e programa” e defendeu a vontade do PSdeG de liderar un cambio no goberno municipal. “Nós aspiramos a gobernar e imos con todo”, afirmou, propoñéndose como alternativa á Alcaldía.

A voceira socialista considerou que o diálogo político é imprescindible nun momento que, segundo afirmou, pode ser clave para a cidade. Nese contexto, asegurou que existe unha oportunidade para artellar unha alternativa ao executivo actual de Gonzalo Pérez Jácome, lembrando que a súa formación xa impulsou en anteriores ocasións espazos de negociación.

A dirixente do PSdeG apuntou que existen distintas vías para un cambio de goberno e defendeu a coherencia da súa posición política, asegurando que o seu grupo non apoiou nin orzamentos nin iniciativas do actual alcalde.

Preguntada pola posibilidade de entendemento con outras forzas, González referiuse a experiencias previas de colaboración entre partidos de esquerda e subliñou a importancia dos números na corporación municipal, sen pechar portas a posibles acordos.

A voceira socialista tamén cuestionou a actitude doutras formacións á hora de fixar condicións previas a unha posible negociación e advertiu de que o momento político require diálogo sen imposicións.

Na súa intervención, concluíu reiterando a súa disposición a liderar unha alternativa de goberno e insistiu en que o PSdeG manterá a súa proposta política aberta para facilitar un cambio na Alcaldía de Ourense.

0.12345695495605