Nogueira de Ramuín aproba por unanimidade as actuacións de reparación do CEIP de Luintra

O Pleno de Nogueira comprométese a levar a cabo as actuacións de mantemento, conservación e acondicionamento necesarias para garantir a seguridade e o benestar no CEIP plurilingüe de Luintra, logo dunha moción presentada polo BNG
carmen-armesto_bng_nogueira
A Concelleira do BNG en Nogueira de Ramuín, María del Carmen Armesto, ás portas do CEIP de Luintra
21 mar 2024

No Pleno celebrado esta semana polo Concello de Nogueira de Ramuín, debateuse sobre a situación na que actualmente se atopa o CEIP de Luintra. Trátase, tal e como espuxo a Concelleira nacionalista, María del Carmen Armesto durante a sesión, “dun centro inaugurado no ano 1975 e que actualmente atende a un total de 46 alumnas e alumnos”. Armesto incide en que “a situación na que se encontran as instalacións non son as mellores e nin tan sequera aceptables para desenvolver nunhas condicións minimamente dignas a docencia”, e engade, “a sensación que transmiten é que o tempo se detivo hai moitos, moitos anos”.

Desde o BNG de Nogueira afirman ter constancia de que tanto a Consellería de Educación como o propio Concello de Nogueira de Ramuín, responsábel do mantemento das instalacións, “son coñecedores da realidade que se espuxo na moción e que pouco ou nada se fixo por mellorar e corrixir as deficiencias que comprometen o benestar, e mesmo a seguridade das traballadoras e do alumnado dun centro que non foi reformado desde a súa posta en funcionamento hai case medio século”. 

Por estes motivos, desde o BNG solicitaban do Pleno da Corporación apoio para instar ao equipo de goberno a que, con carácter inmediato, “proceda á realización das actuacións de mantemento, conservación e acondicionamento necesarias para garantir a seguridade e o benestar no CEIP, nomeadamente a reparación das deficiencias existentes”.

Igualmente e co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na contorna, solicitaron que o Concello faga as xestións pertinentes diante da Deputación Provincial “para que nas inmediacións do CEIP se instale, a maior brevidade posible, un paso de peóns elevado así como sinalización vertical de proximidade de centro educativo para conquerir unha reducción na velocidade dos vehículos que garanta a seguridade do alumnado”.

Ambos acordos foron aprobados por unanimidade do Pleno, feito que a Concelleira do BNG, María del Carmen Armesto pon en valor ao tempo que sinala, “cando se fala de fixar poboación e manter uns concellos vivos tamén no rural, hai que facer inversións e crear infraestructuras e servizos públicos de calidade xa que do contrario, o que provocamos é o efecto contrario”.