O alcalde de Ourense pide manter un encontro con Alfonso Rueda

OurenseXa
Gonzalo Pérez Jácome lembra que o presidente da Xunta está a manter durante as últimas semanas unha rolda de citas con alcaldes e alcaldesas das principais cidades galegas
Reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, outubro de 2023
Reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, outubro de 2023
10 Xul 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reitéralle a solicitude de cita oficial ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para fixar os obxectivos do goberno municipal para este novo mandato autonómico naquelas iniciativas que requiren coordinación coa Xunta de Galicia e solicitar a súa colaboración en diferentes proxectos para desenvolver na cidade de Ourense.

Pérez Jácome, que xa solicitara previamente esta reunión, reiterou a súa petición esta semana, a través da delegación en Ourense da Xunta de Galicia. Neste senso, o alcalde de Ourense lembra que o presidente da Xunta está a manter durante as últimas semanas unha rolda de citas con alcaldes e alcaldesas das principais cidades galegas, como é o caso de Lugo, Compostela, A Coruña ou Vigo, e presidentes de deputacións provinciais, como foi recentemente o caso de Ourense, e incide na importancia de que o presidente da Xunta se reúna tamén co rexedor da cidade de Ourense, xa que hai asuntos que cómpre abordar sen maior dilación.

A última reunión oficial que até o de agora mantivo Pérez Jácome con Alfonso Rueda foi o 4 de outubro de 2023. O novo escenario orixinado polas eleccións autonómicas e o inicio do novo mandato do presidente da Xunta, coa estabilidade que lle outorga un goberno con maioría absoluta no Parlamento, fai aínda máis necesaria e conveniente esta reunión, coa finalidade de reiterar a demanda de apoio en determinados proxectos e de avanzar noutros que tamén son fundamentais para a cidade.

0.18058896064758