O alcalde felicita a Sincro Ourense polos seus extraordinarios resultados
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e concelleiros do goberno municipal recibiron no salón de plenos o equipo do CN Sincro Ourense, que participou a finais do mes de xuño no Campionato de España de natación artística das categorías alevín e infantil que se disputou na piscina municipal Rosario Dueñas e a semana pasada no campionato estatal das categorías júnior e absoluta.
O alcalde felicitou as deportistas, adestradoras e directiva do club polos extraordinarios resultados acadados nestas competicións, nas que o equipo alevín conseguiu a copa de clubs como campión estatal e o infantil foi subcampión, ademais de obter diferentes medallas tanto en competición individual como na de equipos. Pérez Jácome tamén as felicitou polo resultado histórico acadado polo equipo júnior e absoluto a pasada fin de semana en Oviedo, onde por primeira vez o equipo acadou o cuarto posto a nivel estatal e unha medalla de ouro en dúo absoluto.