O alumnado de 1º da ESO do colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense recibe o I Premio “Vídeos pola Igualdade” da Cátedra ALDABA-WIB

O alumnado de 1º da ESO do colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense recibiu o I Premio “Vídeos pola Igualdade” da Cátedra ALDABA-WIB, un galardón que foi entregado este xoves nun acto no propio centro educativo.
O premio foi para o vídeo titulado “Supertech”, unha proposta creada polo estudantado que se enmarca nas actividades impulsadas pola Cátedra para promover a igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico. A iniciativa coincide coa Semana do Día Internacional das Nenas nas TIC, que se celebra cada ano o cuarto xoves de abril.
No traballo premiado, preséntase unha superheroína que ten como misión visibilizar e poñer en valor ás mulleres con interese e vocación nas disciplinas STEM. A través dunha historia sinxela e participativa, o vídeo transmite a idea de que a tecnoloxía tamén é un espazo para as mulleres.
O xurado destacou aspectos como a orixinalidade da proposta, a mensaxe que transmite, a calidade da realización e o enfoque igualitario. Tamén puxo en valor a forma de abordar unha temática complexa cunha linguaxe accesible, recorrendo á creatividade e ao traballo en equipo para cuestionar estereotipos e favorecer referentes femininos no sector tecnolóxico.
Durante a entrega, as persoas representantes da Cátedra subliñaron tanto o resultado final como o proceso de aprendizaxe desenvolvido polo alumnado, así como o papel do profesorado no acompañamento do proxecto. Tamén destacaron a importancia de impulsar este tipo de iniciativas desde as etapas educativas iniciais.
O premio inclúe material educativo e tecnolóxico destinado ao centro, co obxectivo de seguir reforzando as competencias dixitais e creativas do alumnado.