O alumnado do master interuniversitario en incendios forestais coñece o funcionamento do centro integral de loita contra o lume de toén

OurenseXa
Os alumnos puideron visitar as instalacións deste novo centro administrativo, onde recibiron unha charla formativa sobre medios aéreos, para posteriormente desprazarse ata a base de helicópteros da Merca
alumnado mestrado_ccc_cill 1
Alumnos do Mestrado Interuniversitario en Incendios Forestais MASTERFUEGO en Toén
16 Feb 2024

Os alumnos do Mestrado Interuniversitario en Incendios Forestais MASTERFUEGO, no que colabora a Universidade de Vigo, realizou estes días unha serie de visitas ás instalacións coas que conta o Goberno autonómico vencelladas á prevención dos incendios forestais; acompañados do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o docente e director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos.

O alumnado achegouse ata o Centro Integral de Loita Contra o Lume de Toén, localizado na provincia de Ourense, onde puideron coñecer de primeira man as instalacións deste centro, inaugurado o pasado mes de decembro. Alí, recibiron unha sesión formativa sobre a organización e coordinación das operacións aéreas na extinción de incendios forestais. Posteriormente, desprazáronse ata a base de helicópteros da Merca.

Centro Integral de Loita contra o Lume

Cabe sinalar que o CILL de Toén se ubica nas instalacións do antigo hospital, que se rehabilitou co fin de convertelo nun espazo formativo. Actualmente xa se remataron as obras da súa primeira fase, orzamentadas nun total de 3,5 millóns de euros.

O obxectivo da Consellería do Medio Rural é converter Toén nun referente pioneiro, xa que centralizará tanto a formación continua de bombeiros forestais como a instrución de novos profesionais neste sector. Neste senso, cabe incidir en que este Centro integral busca constituír o eixe central do Plan de formación, centralizando así nun mesmo punto a instrución de todo o Servizo e converténdose nun lugar de intercambio de experiencias con outros dispositivos de prevención e extinción de incendios forestais, tanto nacionais como internacionais.

Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais

Dentro do seu percorrido polas instalacións vencelladas cos incendios forestais da Xunta de Galicia, os alumnos do MASTERFUEGO tamén visitaron o Centro de Coordinación Central (CCC) de Defensa contra os Incendios Forestais, situado en Santiago de Compostela.

Foron recibidos por Manuel Rodríguez, quen os guiou polas instalacións e explicoulles o funcionamento deste centro. Alí recibiron outra sesión formativa sobre xestión e coordinación de incendios forestais no dispositivo galego, a distribución de medios e a planificación de operacións nos grandes incendios a través do sistema estrutural de mando operativo, SEMOP.

Cómpre lembrar que o CCC está integrado na estrutura organizativa da loita contra os lumes na nosa comunidade, composto por unha rede autonómica de tres niveis e que, polo tanto, tamén inclúe aos Centros de Coordinación Provinciais e aos Centros de Coordinación de Distrito.

Ademais, o alumnado puido coñecer a aplicación informática XeoCode, un sistema de información xeográfica en tempo real con toda a información dispoñible sobre os incendios, unha ferramenta fundamental para a detección e reconstrución de lumes.

0.16467189788818