O BNG acusa a Jácome de levar o transporte urbano a unha situación “insostible” pola débeda coa concesionaria

OurenseXa
Luís Seara asegura que o Concello acumula unha débeda de 14 millóns de euros coa empresa do servizo e reclama explicacións e solucións ao alcalde
Luis-seara
15 Jul 2026

O BNG de Ourense responsabiliza ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, da situación que atravesa o servizo de transporte público municipal tras coñecerse que o Concello mantén unha débeda de 14 millóns de euros coa empresa concesionaria.

O portavoz municipal e candidato nacionalista, Luís Seara, sostén que esta situación é consecuencia da xestión do rexedor e afirma que o transporte urbano funciona “en precario”, ao tempo que critica o elevado custo económico que, ao seu xuízo, está a supoñer para as arcas municipais.

Seara lembrou que en 2024 o Concello xa tivo que facer fronte ao pagamento de máis de 16 millóns de euros á mesma concesionaria por débedas acumuladas, dos que, segundo indicou, preto de 2 millóns correspondían a xuros de mora. “Estamos diante dunha situación insostible pero que se repite no tempo”, afirmou, engadindo que “xa en 2024 tivemos que abonar algo máis de 16 millóns a esta mesma concesionaria por débedas atrasadas e dos cales preto de 2 millóns se correspondían con xuro de mora e agora, apenas ano e medio despois, voltamos ter unha débeda con esta mesma empresa de 14 millóns, unha auténtica sangría”.

O portavoz nacionalista volveu cualificar a Jácome como “un Alcalde pufero”, ao considerar que ten ao Concello “empeñado até as orellas e cun colapso económico sen precedentes”. Desde o BNG aseguran que levan anos advertindo da existencia dunha "débeda oculta" e lembran que, segundo a formación, o tempo acabou confirmando as súas denuncias.

En relación coa futura licitación do servizo de transporte urbano, o BNG considera que a xestión realizada polo Goberno local durante todo o proceso provocará que a concesión continúe en situación de precariedade, o que, segundo sostén, suporá maiores sobrecustos económicos e unha peor prestación do servizo. A formación nacionalista entende que esta situación prexudica tanto á veciñanza como ao persoal que traballa no transporte público.

Luís Seara reclamou explicacións e solucións ao alcalde e tamén criticou a actuación das forzas políticas que, ao seu xuízo, "por acción ou por omisión" facilitaron coa súa actuación no Pleno a continuidade deste modelo de xestión.

O portavoz do BNG tamén quixo trasladar o seu apoio ao cadro de persoal da concesionaria, asegurando que as traballadoras e os traballadores levan anos soportando cambios nas liñas, promesas incumpridas e unha situación de incerteza. “Todo o noso respecto, apoio e agarimo para unhas traballadoras e traballadores que levan sufrindo moito nos últimos anos. Tiveron que soportar e xestionar uns cambios de liñas absolutamente esperpécticos e anos de promesas incumpridas por parte do Alcalde, un Alcalde que agora xoga cos seus salarios e ao que non lle importa o máis mínimo a súa situación”, concluíu.

0.12562799453735