O BNG acusa ao goberno de Jácome de renunciar a preto de 1,8 millóns de euros en axudas para rehabilitación de vivendas

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denunciou que o executivo local renunciou a preto de 1,8 millóns de euros correspondentes ao programa de rehabilitación residencial e vivenda social financiado con fondos europeos Next Generation, unha decisión que atribúe á “incompetencia e falta total de xestión” do goberno encabezado por Gonzalo Pérez Jácome.
Segundo explica a formación nacionalista, o Concello aprobou en xaneiro de 2023, a través da Xunta de Goberno Local, a adhesión a este programa de axudas, dotado con dous millóns de euros. O acordo foi ratificado en maio dese mesmo ano coa sinatura do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e do alcalde de Ourense.
O programa contemplaba actuacións de rehabilitación en diferentes ámbitos da cidade. Entre elas figuraban a zona histórica, cun investimento previsto de 759.800 euros; o núcleo etnográfico de Seixalbo, con 205.800 euros; as áreas do Polvorín, As Camelias e A Carballeira, con 907.200 euros; e San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada, con outros 127.200 euros.
O portavoz municipal e candidato do BNG, Luís Seara, asegura que o pasado mes de maio o director xeral do IGVS asinou unha resolución pola que se aceptaba a renuncia do Concello ás subvencións concedidas, o que obriga á devolución de 1.769.563,80 euros.
“Para sorpresa de todas e todos ou non tanto, vimos de coñecer que en maio deste mesmo ano, o Director Xeral do IGVS asinou unha resolución pola cal acepta a renuncia do Concello de Ourense ás subvencións concedidas no marco deste programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrios e inxeridas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola UE, tendo que reintegrarse a non pequena cantidade de 1.769.563,80 euros”, afirmou Seara.
O portavoz nacionalista considera ademais que “resulta inconcebible que se presente por parte do Concello un Plan de dinamización da Área Rexurbe cando ao tempo, devólvense preto de 2 millóns de euros que se poderían empregar para a recuperación de distintas áreas do concello, especialmente na zona histórica, profundamente degradada a día de hoxe”.
Desde o BNG sosteñen que esta devolución pon de manifesto a “absoluta incompetencia e incapacidade de xestión dun Goberno local que ao único que se adica é a vender fume a través de notas de prensa”. A formación engade que esta perda de financiamento se suma, segundo denuncia, á doutras subvencións ligadas aos atrasos na execución de proxectos como a Praza de Abastos número 1 ou o edificio da Praza da Trinidade, que está previsto como futura sede da Oficina de Rehabilitación. Segundo os nacionalistas, a suma destas subvencións perdidas supera os cinco millóns de euros.
Desde o grupo municipal tamén advirten de que a devolución dos fondos europeos “pode implicar unha penalización por parte da UE á hora de querer captar fondos no futuro polo feito de non saber xestionalos”, polo que considera que o desenvolvemento do Plan da Área Rexurbe “queda seriamente comprometido”.