O BNG acusa de Jácome de poñer “escusas para non asumir a súa propia responsabilidade” ante a situación das Burgas

OurenseXa
Sinalan que o alcalde rcoñece “fallos de estanqueidade na piscina termal das Burgas e pese a iso, o Concello recepcionou igualmente a obra, algo que terán que explicar”
Luis Seara
Luís Seara
15 Jan 2025

O alcalde do Concello de Ourense convocou ao resto de Portavoces dos Grupos municipais a unha reunión a última hora deste martes, co obxecto de abordar cuestións relativas á Area de termalismo.

Ao remate da mesma, o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara sinalaba que “o alcalde volveu escusarse da situación na que se atopan as instalacións termais da cidade, na Lei da Xunta e na climatoloxía, mais para nós, con estes argumentos o único que pretenden é agochar a súa propia irresponsabilidade e inoperancia”.

Seara, quen volveu criticar a Lei de Aproveitamento termal de Galiza “por ser letal para o modelo que temos instaurado en Ourense desde hai máis de 20 anos, non é a causante de que a día de hoxe 15 dos 17 vasos termais estean pechados”. En relación á Lei e as obras necesarias para a adaptación dos espazos e das instalacións ás esixencias recollidas na mesma, Luís Seara lembra que “executáronse ditas obras nas cinco zonas termais no ano 2022 e cun investimento duns 50.000 euros por instalación a excepción da Burga de Canedo, na que non se realizaron obras en dous dos vasos”.

En Outariz realizáronse as obras no ano 2023 e mesmo o alcalde anunciara que ían abrir en tempada alta ou en momentos puntuais, nada de nada”. Desde o BNG rexeitan outro dos argumentos esgrimidos pola Alcaldía relativo á falta de caudal e a necesidade de realizar novas captacións xa que, segundo sinalan, “cónstanos que a Dirección Xeral de Minas determinou que actualmente existe caudal suficiente”.

O Portavoz nacionalista critica igualmente “o peche da Chavasqueira e do Muíño no mes de setembro. Desde o 31 de setembro até hoxe pasaron 120 días nos que soamente estiveron inundadas polo río 5 días como máximo polo que o argumento da zona inundable tampouco é válido neste caso”.

Luís Seara insiste en que “a día de hoxe seguimos sin saber a razón exacta polo que a piscina termal das Burgas segue pechada así como Outariz e a cafetería nas que se investiron preto de 100.000 euros. O peche de 15 dos 17 vasos si que temos claro que é porque ao Alcalde lle peta, non hai outro motivo”. Para Seara “o Alcalde busca continuamente culpables nos demais e é incapaz de asumir a súa propia responsabilidade”.

Piscina termal.

Na reunión deste martes, Jácome recoñeceu problemas de estanqueidade na piscina termal das Burgas, tal e como advertiron desde o BNG hai meses, chegando a formular unha pregunta en sesión Plenaria e na que o Alcalde afirmou que a mesma “recepcionárase en seco e que a empresa executara perfectamente as obras”.

Para Luís Seara, “estamos diante dun novo despropósito como xa aconteceu coa supresión da ORA, a culpa é sempre dos técnicos e dos demais pero o certo é que o único responsable é Jácome, un Jácome que o que quere é privatizar a xestión da piscina e até que atope quen se faga cargo, fará todo o posible para que permaneza pechada”.

Outra das explicacións que, segundo o BNG, ten que dar “é porqué motivo se recepcionou a obra cando había informes de técnicos municipais que xa advertían dos problemas de estanqueidade da piscina, filtracións que por outra banda, non son incompatibles coa apertura da mesma”. Ao tempo, “queremos saber porqué mediante providencia de Alcaldía, relegouse aos técnicos de termalismo en favor dos técnicos de Infraestruturas no tocante ao seguimento das obras”.

0.17056107521057