O BNG amosa as súas dúbidas sobre a adxudicación da barra de bar do Entroido anunciada por Jácome

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense vén de solicitar acceso ao expediente completo das bases aprobadas no día de onte en Xunta de Goberno local e publicadas no taboleiro de anuncios do Concello, a respecto da concesión demanial da explotación dunha barra de bar na Praza Bispo Cesáreo durante as vindeiras festas do Entroido.
O Portavoz da formación nacionalista Luís Seara, sinala que “lidas e analizadas as bases, chámanos poderosamente a atención o procedemento seguido para o establecemento e pagamento por parte do adxudicatario do canon fixado, en principio, nos 15.000 euros”.
E é que nas propias bases pódese ler, literalmente, no seu punto 5º, o seguinte: “O canon aboarase en especie mediante o correspondente pago total ou parcial, a favor das empresas que indique o Concello, dos custos dos eventos programados na rúa Progreso - Alameda - Bispo Cesáreo, con anterioridade ao outorgamento da autorización. En ningún caso se procederá á súa devolución nin total nin parcial por suspensión dalgunha actividade debido a condicións climatolóxicas”.
Dito parágrafo, segundo sinala Seara, “xéranos moitas dúbidas pois fálase dun pago en especies, non ao Concello senón ás empresas que o propio Concello indique e con anterioridade á propia autorización”, e engade, “feitas varias consultas ao longo da mañá, resulta cando menos dubidoso ese proceder, motivo polo que lle pedimos explicacións ao Goberno Local”.
Igualmente, o Portavoz dos nacionalistas advirte que “xa solicitamos acceso ao expediente completo para poder coñecer os informes técnicos que avalen a cantidade establecida e, sobre de todo, o modelo de canon escollido xa que resulta cando menos chamativo que dita cantidade non vaia ser ingresada nas arcas municipais, evitando así o seu control contable nin como ingreso e desde logo tampouco como gasto”.