O BNG aposta pola ampliación do Campus de Ourense
O Grupo municipal do BNG porá o foco no Pleno que o Concello de Ourense ten previsto celebrar este venres día 5 e correspondente ao mes de abril, na necesidade de “levar a cabo todas as xestións e todos os trámites administrativos precisos e conducentes á posta a disposición da Universidade de Vigo dos terreos necesarios para a ampliación do Campus Universitario de Ourense, así como impulsar o soterramento do tráfico na Avda Otero Pedrayo co fin de permeabilizar o Campus e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na zona”.
Segundo sinala a Concelleira nacionalista Erea Blanco, “pasaron xa 30 anos desde que a sociedade ourensá manifestara públicamente e a través de varias concentracións, a súa vontade de que Ourense non quedara atrás no mapa universitario galego e contara polo tanto cun Campus con titulacións que responderan ás demandas da sociedade do momento”.
Segundo o BNG, e así o reflicten na moción rexistrada, “contamos a día de hoxe cun Campus universitario totalmente consolidado e recoñecido a nivel galego, estatal e mesmo no ámbito internacional pero que adolece dunha serie de eivas que impiden a súa expansión e polo tanto o aumento da súa oferta formativa, alén doutras dificultades relativas á mobilidade, a accesibilidade e a permeabilidade do mesmo”.
Referido a esto último, as nacionalistas sinalan que “non é desdeñable que a día de hoxe exista un total consenso social e político á hora de considerar imperativo o soterramento parcial da Avda Otero Pedrayo, unha das vías de entrada e saída da cidade, que acumula unha das maiores densidades de tráfico e que secciona actualmente o Campus en dous polo que cómpre avanzar no proxecto de soterramento e o Concello debe lideralo”.
Mais outro dos principais problemas cos que se atopa o Campus para o seu crecemento é a falla de terreos nos que poder ampliar as instalacións e poder asentar novas titulacións. “Estamos diante dunha vella e recorrente demanda, a cal, adquiriu un maior protagonismo nas últimas datas, coincidindo co anuncio feito pola Xunta de Galiza de construir na zona a súa nova sede administrativa na que centralizar todos os departamentos e servizos do Goberno galego e que actualmente atópanse espallados ao longo de toda a cidade”.
Neste senso, desde o Grupo municipal do BNG consideran que o Concello de Ourense non pode permanecer alleo a esta realidade e ás demandas existentes por parte do Campus polo que debe implicarse activamente na procura de solucións e, neste caso concreto, na procura dos terreos precisos e na axilización da tramitación administrativa necesaria e conducente á citada ampliación para o cal solicitarán o apoio do resto de Grupos que conforman a Corporación municipal.