O BNG califica a compra e licitación dos autobuses de Ourense como “un auténtico despropósito”

OurenseXa
O TACGAL detecta incumprimentos no procedemento e obriga o Concello a retrotraer o expediente, mentres máis de dez dos 40 vehículos adquiridos permanecen sen prestar servizo a diario
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco. BNG Ourense
7 Aug 2026

O BNG volve cuestionar a xestión realizada polo Concello de Ourense arredor da compra e posterior licitación do servizo de autobuses urbanos. O portavoz municipal da formación nacionalista, Luís Seara, asegura que o procedemento xa fora advertido polo seu grupo e considera que as decisións adoptadas polo Goberno local están a xerar importantes consecuencias económicas para as arcas municipais.

Seara referiuse á recente resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL), que, segundo o BNG, detecta diferentes incumprimentos no procedemento de licitación. Entre eles, a formación sinala cuestións relacionadas coas instalacións, deficiencias no estudo económico e falta de solvencia técnica da empresa adxudicataria, ademais do incumprimento do Prego de Condicións Administrativas (PCA).

O portavoz nacionalista cualifica o proceso como “un auténtico despropósito” e lembra que o BNG xa advertira das posibles consecuencias negativas da licitación. Seara ironizou ao respecto asegurando que “non facía falla ser Nostradamus para saber quen ía gañar a concesión. Cacicada de manual”. Tamén aludiu á “casualidade, ou non” de que o empresario que aparecía asinando co alcalde, Jácome, o pacto da Alameda sexa a mesma persoa que finalmente resultou adxudicataria.

Segundo explica o BNG, a resolución do TACGAL devolve agora o expediente ao Concello, que deberá retrotraer o procedemento. A formación sinala que neste momento non está claro como se resolverá a situación nin cales serán as súas consecuencias. A esta circunstancia engade a falta de crédito para adxudicar o contrato e as cantidades reclamadas pola actual concesionaria, que, segundo o grupo municipal, ascenden xa a 14 millóns de euros.

A formación nacionalista tamén repasa o proceso desde a decisión do Goberno de Jácome de adquirir os autobuses por 14 millóns de euros. O BNG asegura que daquela xa advertira de que “non se podía comezar a casa polo tellado” e defendía que primeiro se debía definir o mapa de liñas para, posteriormente, determinar que vehículos eran necesarios.

O Goberno local optou finalmente por sacar a concurso tres lotes compostos por 15 autobuses pequenos, coñecidos como “busitos”, outros 15 vehículos convencionais e dez autobuses eléctricos.

Sobre os vehículos de menor tamaño, o BNG considera que a súa adquisición resultou problemática e cualifícaa como “o timo da estampita”. A formación afirma que son pouco funcionais, presentan avarías recorrentes e acabados que cuestiona, ademais de dificultades para conseguir pezas de reposto. Segundo denuncia, estas circunstancias chegaron incluso a provocar a utilización de pezas doutras unidades, incluídas algunhas sen estrear.

As nacionalistas aseguran que na nave de Quintela é habitual atopar un número importante de autobuses parados e sinalan que nalgúns momentos chegaron a estar sen utilizar aproximadamente a metade da frota.

O BNG centra tamén as súas críticas nos dez autobuses eléctricos adquiridos, cun investimento próximo aos 7 millóns de euros. Segundo a formación, só circula a metade destes vehículos, xa que a imposibilidade de realizar a carga simultánea impide que os dez poidan estar operativos ao mesmo tempo. O grupo municipal sinala que as estacións de carga xa estaban contempladas no contrato.

Así, o BNG cifra en 40 os autobuses adquiridos polo Concello e asegura que, dependendo da xornada, dez ou máis permanecen sen circular polas rúas de Ourense.

A formación nacionalista critica tamén que, neste contexto, o alcalde propuxese destinar outros 2,5 millóns de euros á adquisición de sete autobuses máis. O BNG opúxose a esta proposta, que considera “unha nova engañifa”.

Finalmente, Luís Seara cuestiona a necesidade de ampliar a frota cando existen vehículos adquiridos que non están prestando servizo. “Se hai preto de 10 buses na nave sen circular a diario, por que insiste Jácome en mercar máis buses?”, preguntou o portavoz municipal do BNG.

0.14013004302979