O BNG carga contra a proposta orzamentaria de Jácome e advirte do “colapso económico” do Concello

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou con dureza o proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno local para o exercicio 2026, ao que se refire como unha proposta que “certifica a delicadísima situación económica” da administración e que, segundo sosteñen, consolida o denominado “método DO”.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, definiu as contas como un “orzamento de pan e circo”, asegurando que responden a unha estratexia na que se priorizan determinadas partidas fronte a outras consideradas esenciais. Na súa valoración, o documento “certifica a delicadísima situación económica na que se atopa o Concello, con múltiples débedas metidas no caixón e con escasísima marxe de manobra”.
O BNG tamén explicou a súa ausencia na Xunta de Portavoces convocada esta semana, ao considerar que non se axustou ao regulamento municipal. Segundo Seara, “non fomos á Xunta de Portavoces porque non estamos dispostos a validar un xeito de facer que non só non se rixe polo máis mínimo respecto institucional senón que ademais vai contra o Regulamento do propio Concello”.
Sobre o contido do proxecto, os nacionalistas sosteñen que existe un acordo previo entre PP e Democracia Ourensana (DO), e consideran que o orzamento “está pactado desde hai tempo por Luís Menor e Jácome”, en referencia ao presidente provincial do PP e ao alcalde.
O grupo da oposición tamén critica aspectos técnicos do documento, como a ausencia dun informe completo da Intervención Xeral, e cualifica a situación de “surrealista” ao considerar que se pide á oposición que presente emendas a un expediente que aínda non estaría pechado.
Outro dos puntos máis criticados polo BNG refírese ás bases de execución, que segundo denuncian amplían a capacidade de decisión da Alcaldía e reducen os mecanismos de control. Seara puxo como exemplo a posibilidade de certificar obras por parte de concelleiros sen competencia directa, a incorporación de remanentes sen liquidación previa ou o pagamento con efectos retroactivos de facturas de exercicios anteriores.
Os nacionalistas tamén alertan de que o documento “profundiza no caos administrativo” e no que describen como un sistema de xestión baseado no “método DO”, con modificacións organizativas e de persoal que consideran arbitrarias.
En materia de recursos humanos, o BNG denuncia diferenzas no trato entre distintos perfís laborais e afirma que o modelo “premia e gratifica” a determinados empregados públicos. Ademais, critican a redución de estruturas técnicas e a reorganización interna do Concello.
No plano económico, o grupo asegura que o orzamento evidencia unha situación de tensión financeira que podería obrigar a medidas adicionais de control. “Non hai débeda financeira, pero hai unha débeda cada vez maior cos provedores”, sinalou Seara.
Por último, o BNG reprocha o aumento dalgunhas partidas consideradas non prioritarias, como festas e iluminación, fronte á redución de recursos en servizos sociais. Neste sentido, alertan de que “mentres isto acontece, as partidas para Servizos sociais diminúen”, nun contexto no que, segundo indican, aumentan as necesidades da cidadanía.