O BNG carga contra a situación financeira do Concello de Ourense tras unha nova retención dos fondos estatais

OurenseXa
Nesta ocasión, a cantidade bloqueada supera os 3 millóns de euros, o que eleva a cifra total retida nos últimos meses ata preto dos 13,7 millóns
luis-seara
29 Apr 2026

O grupo municipal do BNG carga contra a situación financeira do Concello de Ourense tras coñecerse unha nova retención dos fondos estatais, a quinta consecutiva, por parte do Ministerio de Facenda. Segundo os nacionalistas, esta circunstancia evidencia “o caos, o desgoberno e o colapso económico que levamos meses e anos denunciando”.

Nesta ocasión, a cantidade bloqueada supera os 3 millóns de euros, o que eleva a cifra total retida nos últimos meses ata preto dos 13,7 millóns. Para o portavoz do BNG, Luís Seara, esta situación “dificulta enormemente o día a día do Concello” e confirma unha realidade que, asegura, leva tempo advertindo. “O Alcalde monta en cólera cada vez que dicimos que nos atopamos nesta situación mais o certo é que estamos diante dunha triste e preocupante realidade”, afirmou.

Desde o BNG lembran tamén o volume de débeda acumulada coa que conta a administración local, tanto con provedores como coas empresas concesionarias de servizos básicos como o transporte público, a recollida de lixo ou o ciclo da auga. Neste sentido, Seara asegura que “son inxentes as facturas pendentes de pago na conta 413 e múltiples os proveedores que teñen que acudir á xustiza para cobrar o que o Concello lles adebeda, co grave prexuízo que iso ten para as arcas municipais”.

O portavoz nacionalista incidiu ademais na existencia dunha “débeda oculta” que, segundo sinala, “o Alcalde sempre negou pero que co paso do tempo vemos como vai aflorando con cada vez máis forza”.

Ante este escenario, o BNG esixe ao goberno local a posta en marcha de medidas inmediatas. En concreto, reclama “a adopción urxente das medidas correctoras precisas que permitan por unha banda, poder ingresar os fondos retidos á maior brevidade posible e por outra poñer todos os medios técnicos e humanos que sexan precisos para tentar corrixir a grave situación de morosidade na que se atopa o Concello”.

Seara concluíu apuntando á responsabilidade do executivo municipal, ao tempo que estendeu as críticas a quen permite esta situación: “esta situación que algúns levamos anos denunciando e que se vai agravando co paso dos meses é responsabilidade directa do Goberno local e de Pérez Jácome mais tamén de aqueles que por acción ou por omisión, permiten este xeito de gobernar e de proceder”.

0.12329578399658