O BNG celebra a anulación do cesamento da tesoureira municipal e carga contra política de Jácome

O grupo municipal do BNG celebra a sentenza coñecida este martes na que a sección 1ª do Contencioso-administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense anulou o cesamento da Tesoureira municipal levado a cabo no seu día polo Goberno local de Gonzalo Pérez Jácome.
“Unha nova condena ao método DO”, segundo os nacionalistas, que “evidencia unha vez máis o que desde o BNG levamos tempo denunciando. A política de persoal de Jácome baséase nas ameazas, no acoso e na intimidación cara todas aquelas funcionarias e funcionarios que non se pregan aos seus intereses e que simplemente se limitan a exercer con independencia o seu traballo”.
Así de contundente móstrase o voceiro municipal Luís Seara, que afirma que o feito de que o Concello de Ourense veña sendo condenado continuamente en materia de persoal “polas actitudes, decisións e comportamento do seu máximo responsable, o alcalde”, evidencia que “as decisións adóptanse en base as filias e fobias do propio Rexedor e non en criterios obxectivos para a optimización de recursos ou para a mellora do funcionamento interno do Concello”. Ademais, insisten de novo en que “sexa o alcalde quen asuma as consecuencias económicas que as súas decisións, anuladas pola xustiza, teñen para as arcas municipais”.
Os nacionalistas tamén se pronunciaron ante a imputación de Pérez Jácome por presunta prevaricación ao non solicitar a compatibilidade entre os seus ingresos públicos e privados, lembrando que “o relato que se fai dos feitos, coincide co que levamos denunciando desde hai anos”. Agora, sinala Seara, “cómpre deixar traballar á xustiza”, ao tratarse dunha cuestión que afecta á máxima autoridade da cidade, con todo o que iso conleva, polo que sinalan, “agardamos que o procedemento xudicial siga o seu curso coa máxima dilixencia para que canto antes se poidan esclarecer os feitos”.
Seara lamenta que “o nome de Ourense volva ser de novo portada por comportamentos, neste caso presuntamente delituosos do alcalde, algo que estou seguro nos avergoña a moitas e moitos ourensás”.