O BNG critica a comarcalización do Xulgado de violencia contra a muller en Ourense

OurenseXa
Desde a formación nacionalista advirten de a reorganización supón unha forte concentración de competencias nun único xulgado con sede en Ourense e lamentan que non viñese acompañada dun reforzo suficiente de persoa
Iago Tabarés
11 May 2026

O BNG expresa a súa preocupación polo funcionamento da nova Sección de Violencia sobre a Muller do Tribunal de Instancia de Ourense tras a súa recente comarcalización xudicial, que consideran especialmente problemática pola súa ampla área de influencia e a falta de medios axeitados.

A nova unidade xudicial, impulsada polo Goberno do Estado e, segundo denuncia o BNG, “a conformidade da Xunta de Galiza”, entrou en funcionamento hai arredor de cinco meses. O órgano, explican, centraliza os casos de violencia de xénero e violencia sexual dun total de sete partidos xudiciais, dando servizo a máis de 275.000 persoas de 74 concellos repartidos por unha ampla zona da provincia.

Desde a formación nacionalista advirten de que esta reorganización supón unha forte concentración de competencias nun único xulgado con sede en Ourense, o que, segundo sinalan, provoca dificultades engadidas tanto para a xestión dos procedementos como para as propias vítimas. Neste sentido, o deputado do BNG Iago Tabarés cualifica a medida de pouco acertada e afirma que “define por si só o desacertado da medida”.

O parlamentario lembra ademais que o Parlamento galego, a proposta do propio BNG, xa advertira do impacto negativo desta decisión. Segundo indica, “xa recoñeceu o prexudicial desta medida tanto para o funcionamento da Administración de xustiza como para as mulleres vítimas de violencia e de agresión sexuais, nomeadamente as mulleres do rural”.

Tabarés critica tamén que a reorganización non viñese acompañada dun reforzo suficiente de persoal nin dunha planificación acorde ás novas necesidades. Por iso, o BNG reclama explicacións á Xunta sobre o funcionamento real da unidade e sobre as medidas previstas para corrixir unha situación que consideran lesiva para a cidadanía da provincia.

A reforma implicou a creación dunha única sección especializada en violencia sobre a muller no Tribunal de Instancia de Ourense, cunha soa praza e xurisdición estendida a partidos xudiciais como Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Bande. Isto, segundo o BNG, reduciu a capacidade de resposta dos xulgados territoriais afectados.

A formación nacionalista subliña ademais o problema da dispersión xeográfica, nun territorio con forte peso do rural, onde algunhas vítimas poden verse obrigadas a desprazarse longas distancias. Tal e como sinalan, isto afecta especialmente a persoas de concellos como Padrenda, Bande, Beariz ou Calvos de Randín.

O BNG tamén cuestiona que o incremento de carga de traballo se acompañase do correspondente aumento de persoal xudicial e administrativo. En palabras de Tabarés, “a creación dunha sección propia de Violencia sobre a Muller e o incremento da planta xudicial non redundará nunha maior axilidade na resolución de procedementos xudiciais senón leva aparellado un aumento do cadro de persoal en todos os corpos”.

Por todo isto, o grupo parlamentario rexistrará iniciativas na Comisión 1ª do Parlamento galego para coñecer datos concretos sobre o funcionamento da sección, incluíndo o número de asuntos tramitados desde a súa posta en marcha, a procedencia territorial dos casos e o uso da videoconferencia nas declaracións das vítimas.

Así mesmo, pedirán detalles sobre o incremento real de persoal nos distintos corpos da administración de xustiza e sobre se se produciron conversións de prazas existentes noutros órganos xudiciais. Finalmente, preguntarán se a creación desta nova sección supuxo tamén un reforzo efectivo no número de letrados e letradas da Administración de Xustiza no Tribunal de Instancia de Ourense.

0.13886618614197