O BNG critica a suspensión do Pleno dos orzamentos e acusa a Jácome de xogar coa institución

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense cargou contra a decisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de suspender o Pleno extraordinario previsto para o vindeiro luns 18 de maio, no que estaba previsto abordar a aprobación inicial do proxecto de Orzamento Xeral municipal para 2026, e convocar no seu lugar unha Comisión de Pleno para o martes ás 08:30 horas.
Desde a formación nacionalista cualifican a situación de “unha auténtica tomadura de pelo e falta de respecto”, tanto cara á oposición como á cidadanía.
O portavoz do BNG, Luís Seara, considera que o sucedido evidencia que “Pérez Jácome xoga coa institución por puro interese persoal pois os Orzamentos municipais impórtanlle entre cero e nada, o único que pretende é desviar a atención para que non se fale dos seus problemas xudiciais”.
Seara insistiu ademais en que “o único que lle preocupa é o seu interese particular e electoral” e acusou ao rexedor de “faltarlle o respecto non soamente á Oposición senón tamén á veciñanza no seu conxunto ademais de banalizar ate ao extremo a institución”.
O Goberno municipal anunciara a finais de abril a aprobación do proxecto de orzamentos para 2026, unhas contas que deberán continuar agora a súa tramitación a través da Comisión de Pleno convocada para o martes.