O BNG de Barbadás levará a pleno unha moción para solicitar o reforzo do Servizo municipal “Bos días cole”

OurenseXa
A formación nacionalista pide ao Goberno local “poñer enriba da mesa todos os recursos posibles para garantir a cobertura deste servizo ás familias que o precisen”
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
1 Jun 2026

O Grupo municipal do BNG de Barbadás levará ao próximo Pleno unha proposta para destinar parte do remanente do Orzamento Municipal á contratación de persoal que permita garantir un servizo de “Bos Días Cole” universal e gratuíto nos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro.

A formación nacionalista reclama que se empregue o saldo dispoñible da partida orzamentaria Base 42ª dos Orzamentos Municipais para reforzar este servizo de conciliación, co obxectivo de asegurar que todas as familias solicitantes poidan acceder ao programa sen exclusións.

O portavoz do BNG, Sarín Núñez, lembra que “foron varias as ocasións nas que, ao longo do presente ano, desde o BNG rexistramos iniciativas co obxectivo de que o Servizo de Bos Dias Cole sexa universal e dea cobertura a todas as familias solicitantes”.

Desde o grupo municipal sinalan tamén que no Pleno do mes de abril xa formularon unha pregunta sobre a posibilidade de ampliar as prazas dispoñibles. Segundo explican, “presentamos unha pregunta na que se cuestionaba se o Concello tiña previsto incrementar o número de prazas ofertadas no servizo de Bos Días Cole, co fin de cubrir a totalidade da demanda existente entre o alumnado solicitante dos dous CEIPs do concello” e engaden que “a resposta foi que se estaba a estudar a posibilidade de aumentar as prazas para evitar que ningunha nena ou neno quedase fóra do servizo. Porén, a dia de hoxe non se ten concretado ningunha medida efectiva nesta dirección”.

Núñez advirte de que esta situación podería repetirse, como xa ocorreu en cursos anteriores, nos que varias familias quedaron sen acceso ao servizo. Engaden que esta falta de cobertura estaría a provocar que algunhas opten por matricular os seus fillos noutros centros educativos, como o Colexio Luis Vives, onde, segundo apuntan, se ofrece de forma gratuíta durante o primeiro ano o servizo de madrugadores, comedor e actividades extraescolares.

O BNG tamén alerta de que esta tendencia xa estaría a ter impacto na matrícula dos centros públicos do municipio. De cara ao curso 2026-27, estiman unha matrícula aproximada de arredor de 10 alumnos no CEIP Filomena Dato e 20 no CEIP O Ruxidoiro, datos que consideran preocupantes para a continuidade e fortalecemento da escola pública.

Finalmente, o portavoz nacionalista insiste en que “o Concello debe poñer enriba da mesa todos os recursos posibeis para garantir a cobertura deste Servizo ás familias que o precisen, motivo polo que solicitamos que a partida orzamentaria denominada Base 42ª dos Orzamentos municipais, relativa ás retribucións e indemnizacións dos membros da Corporación e a cal vai contar cun remanente importante, poida ser adicada ao aumento do persoal do Servizo “Bos días cole”.”

0.12478113174438