O BNG de Barbadás reclama unha Ordenanza de normalización lingüística

OurenseXa
Desde a formación nacionalista consideran fundamental o papel a desempeñar polo Concello para frear a desgaleguización das crianzas e para motivar o aumento do uso entre as familias e na vida cotiá da veciñanza
bng-barbadas
Sarín Núñez, portavoz do BNG no Concello de Ourense
6 may 2024

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás, solicitará no Pleno previsto para este luns, que o Concello “exerza as competencias que lle atribúe a normativa en materia de normalización lingüística para que nos espazos de socialización estea presente a lingua galega, para garantir que aquelas crianzas que empregan a lingua galega non se sintan discriminadas, e para que nas súas relacións entre iguais e nas actividades extraescolares poidan sentirse libres de empregala”. 

O Portavoz municipal da formación nacionalista Sarín Núñez destaca que, “o Concello de Barbadás non dispón na actualidade dunha Ordenanza e dun Servizo de Normalización Lingüística que teñan como obxectivo un impulso real e efectivo para a normalización do galego nos distintos servizos municipais, desde a alcaldía até calquera outra dependencia municipal, e para que todos os ditames, informes e propostas que deban someterse a decisión ou coñecemento de calquera órgano corporativo municipal, estean redactados en galego, a lingua propia deste país, tal e como se recolle no Estatuto de Autonomía”. 

Segundo o BNG, “o Servizo de Normalización Lingüística deberá ter como principal traballo a corrección de todos os textos municipais antes da súa publicación. Tamén formará parte dos tribunais cualificadores para a valoración dos coñecementos do galego, na selección de persoal e na provisión de postos de traballo”. 

Esta nova Ordenanza, sinala Núñez, “deberá conter entre o seu articulado, diversas cuestións como poden ser que os impresos de calquera órgano municipal, os rótulos ou os selos de goma teñen que estar en galego, así como as aplicacións e programas informáticos que deben ser adaptados para a o seu funcionamento en lingua galega. Asemade, debe recollerse tamén na propia Ordenanza que nas comunicación administrativas orais, o persoal do Concello empregará a lingua galega, a non ser que a persoa demande expresamente ser atendido en castelán”. 

Por último, desde o BNG propoñen organizar cursos de lingua galega para todo o persoal que non teña os coñecementos precisos para exercer as súas funcións e para mellorar o nivel de linguaxe administrativa ou doutras especialidades así como a posta en marcha dunha programación para o fomento do uso da lingua galega e o aumento do seu prestixio entre as crianzas e a mocidade do concello.