O BNG de Ourense esixirá no Pleno a retirada dos contedores soterrados en desuso da cidade

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao próximo Pleno unha moción na que solicitará ao goberno local a eliminación física dos contedores soterrados que permanecen instalados en diferentes puntos da cidade, malia levar anos fóra de uso.
A formación nacionalista lembra que neste mes cúmprense 12 anos desde que estes sistemas de recollida de lixo foron precintados. Segundo sinalan, a experiencia acumulada demostrou que a súa implantación foi “un erro”, debido, entre outros factores, aos elevados custos de mantemento, ás avarías recorrentes e aos problemas de salubridade e cheiros asociados á acumulación de residuos. Tamén apuntan aos riscos que supuña o seu manexo para o persoal de limpeza, con algún incidente considerado grave.
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, critica que distintos gobernos locais levasen anos buscando solucións sen chegar a materializar ningunha alternativa definitiva, que pasaron por reparacións ou substitucións completas sen execución final.
Neste sentido, o grupo nacionalista lembra unhas declaracións do actual alcalde durante a campaña de 2019, nas que afirmaba que, de chegar ao goberno, resolvería a situación nun prazo máximo de 90 días. “Pasaron sete anos e os contedores soterrados seguen facendo parte da imaxe da cidade. Que foi daquela promesa de que ía resolver a desfeita dos gobernos anteriores?”, cuestiona Seara.
Para o BNG, estes elementos continúan instalados en varias rúas —incluídas zonas históricas— malia estar inoperativos, o que consideran que contribúe á degradación do espazo público, á acumulación de sucidade e á presenza de malos cheiros. Ademais, denuncian que o simple precinto non impide que se siga depositando lixo nalgúns destes puntos.
Por todo iso, o grupo municipal defenderá no Pleno que non abonda co selado das instalacións e que é necesario proceder á súa retirada física, co obxectivo de recuperar os espazos públicos e eliminar, ao seu xuízo, elementos que contribúen ao “feísmo urbano” e á falta de limpeza en determinadas zonas da cidade.