O BNG de Ourense pide ao Concelle que cese a “ocupación ilegal” da cafetería municipal do Xardín Xaponés

OurenseXa
Denuncian que "o Concello de Ourense ten ocupada unha instalación municipal, nun espazo privilexiado da cidade, pola que non recibe un só euro"
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco no Xardín Xaponés
Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco no Xardín Xaponés
28 Jan 2025

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense volveu comparecer esta mañá diante da cafetería sita no Xardín Xaponés, en pleno centro da cidade. O motivo non era outro que denunciar a “ocupación ilegal” das instalacións por parte dunha empresa que “a día de hoxe non ten ningunha relación contractual co Concello” xa que esta, tal e como puideron comprobar os nacionalista ao revisar o expediente correspondente á liquidación do 4º trimestre de 2024, rematou o pasado 15 de outubro ao resolver a Administración local o contrato, “por incumprimento grave do mesmo”.

O Portavoz municipal do BNG Luís Seara, comezou lembrando que “A Pajarera adxudicouse por un importe de 68.970 euros e por un prazo de cinco anos improrrogables en xullo de 2020. Este foi, segundo o alcalde, un dos grandes éxitos da súa xestión” e engadiu, “sabedes que nós fomos os únicos que puxemos en cuestión esa adxudicación e o certo é que o tempo deunos a razón”.

E é que raíz da detención e posterior prisión preventiva do adxudicatario, o establecemento estivo pechado durante varias semanas, concretamente desde o 22 de agosto ao 5 de setembro de 2023, tal como consta nas actas dos inspectores de comercio do Concello. O propio responsable do contrato personouse no local e constatou que o nome que aparece na fachada non se correspondía co do adxudicatario. Conclúese polo tanto que á vista dos feitos, existe unha infracción moi grave en aplicación do art. 20C do prego de condicións administrativas: ceder, arrendar ou traspasar o local sen a preceptiva autorización municipal. 

Luís Seara afirma que “á vista dos feitos antes sinalados, o BNG presentou unha serie de preguntas no Pleno, entre elas si o Concello iniciara un expediente para rescatar a adxudicación, e de non ser así, se tiñan pensado facelo. A contestación do Alcalde foi que non, porque era unha cuestión que afectaba a un particular, obviando que se trataba do incumprimento dun contrato público”.

O tempo deixou en evidencia ao Alcalde, que á vista do informe da Intervención municipal, non lle quedou outra que resolver o contrato por incumprimento culpable do contratista consistente na cesión non autorizada do contrato e incautar a garantía definitiva prestada en forma de aval, é dicir 14.250 euros”.

Pero para a formación nacionalista, o máis chamativo é que pese a que a Xunta de Goberno Local, “o pasado 30 de xullo de 2024 resolveu o contrato, a cafetería segue aberta desde o 15 de outubro, data na que se asinou o decreto da Alcaldía e xestionada por unha empresa, que non foi inicialmente a adxudicataria e coa que o Concello non ten relación contractual algunha”. 

Fontes do BNG sinalan que “pedimos copia das liquidacións correspondentes ao canon dos trimestres de 2024 atopándonos o seguinte. Os canons correspondentes aos tres primeiros trimestres foron liquidados integramente. Do cuarto trimestre liquidóuselle un total 2.811 euros, do período comprendido entre o 1 de outubro e 15 de outubro, data de resolución do contrato”. 

Pese ao anterior, a cafetería continúa aberta polo que Seara ten clara a situación. “Hai un contrato que se resolveu por cesión ilegal. Ese terceiro, que non ten contrato co Concello, segue xestionando a cafetería polo tanto preguntámonos, como é posible que o Concello permita que unha empresa, coa que non ten contrato, xestione unha concesión pública. Vai seguir permitindo unha ilegalidade tan manifesta. Como vai facer o Concello para cobrarlle a unha empresa, coa cal non existe relación contractual, o diñeiro correspondente ao tempo que esta empresa leva xestionando unha concesión para a que non está autorizada”.

No BNG conclúen que, “a situación é inaudita, o Concello de Ourense ten ocupada unha instalación municipal, nun espazo privilexiado da cidade, pola que non recibe un só euro”. 

0.1824209690094