O BNG de Ourense pide a elaboración dunha Ordenanza reguladora dos usos de vivendas para fins turísticos

OurenseXa
Desde o Grupo municipal nacionalista sinalan “de non adoptar as medidas oportunas e neste momento, a situación podería derivar en insostible e incontrolabre nun futuro non moi lonxano tal e como está acontecendo noutras cidades do país”
Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense
1 Xul 2024

A proliferación de vivenda para uso turístico estase a converter nun problema moi serio en moitas cidades galegas e do Estado, as cales, víronse na obriga de adoptar medidas. Medidas encamiñadas ao seu control e regulamentación xa que a afectación da súa expansión non ten que ver únicamente coa redución na oferta para a compra ou o aluguer senón que ten incidencia na convivencia veciñal e nos dereitos das veciñas e veciños.

Este é un dos argumentos que o Grupo municipal do BNG sinala na exposición de motivos da moción rexistrada para ser debatida no Pleno que o Concello ten previsto desenvolver este venres. Segundo sinala o Portavoz municipal Luís seara, “se avaliamos os datos das vivendas de uso turístico en Galiza, observamos como pese a existir cada vez unha maior regulación por parte dos Concellos, continúan co seu medre, supondo xa ao redor do 83% dos establecementos turísticos presentes no país. Así, segundo os datos que figuran no rexistro da Xunta, Galiza acumula un total de 23.772 vivendas rexistradas como tal, ofrecendo máis de 126.000 prazas”.

“De todas as vivendas, 562 correspóndense co Concello de Ourense. Se avaliamos a ubicación preferente das mesmas, observamos como a maior concentración témola na zona histórica, nesta zona contabilizábanse en decembro de 2023 arredor de 350 vivendas e apartamentos para uso turístico”.

O Portavoz do BNG entende que “o aluguer turístico revelouse como unha opción moi rendible”, e engade, “pero as consecuencias que ten para as veciñas e os veciños das zonas afectadas, se non existe control e regulación sobre as mesmas son evidentes e moi preocupantes. As denuncias máis frecuentes son as relacionadas cos problemas derivados dos ruidos xerados así como polos movementos constantes de persoas. Tamén debemos sinalar os problemas de seguridade e de privacidade, alén do xa mencionado aumento dos prezos das vivendas nas zonas afectadas”.

Desde o BNG entenden que “ter unha Ordenanza municipal propiciaría que as competencias, e as consecuencias mesmo relativas aos beneficios económicos que esta actividade xera, pasarían a mans do Concello de Ourense”, e engaden, “a Ordenanza debe ofrecer, ao tempo, seguridade xurídica a promotores e propietarios e respaldo aos dereitos da veciñanza así como garantir o equilibrio entre o dereito á vivenda e o dereito á actividade de uso turístico, establecendo limitacións e requisitos para asegurar a convivencia residencial e a protección dos intereses públicos relativos á ordenación urbanística”

0.1860990524292