O BNG de Ourense propón recuperar de forma temporal solares baleiros do casco histórico para uso veciñal

OurenseXa
A formación nacionalista defende un modelo de "urbanismo de mínimos" que permitiría acondicionar terreos sen edificar mediante acordos cos propietarios, evitando o seu deterioro mentres non se vendan ou se constrúa neles
Luis Seara BNG Ourense
29 Sep 2026

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense levará ao Pleno de outubro, previsto para o venres día 2, unha proposta orientada a transformar de xeito temporal os solares sen edificar da zona histórica en pequenos espazos de uso público. A iniciativa baséase no que a propia formación denomina "urbanismo de mínimos", unha fórmula que xa se aplicou con éxito noutras cidades e que busca poñer en valor terreos actualmente abandonados sen necesidade de que estes cambien de titularidade.

O portavoz e candidato nacionalista, Luís Seara, explicou que a proposta consistiría en asinar convenios cos donos dos solares baleiros do centro histórico para que o Concello poida acondicionalos con intervencións sinxelas: limpeza do terreo, colocación de mobiliario urbano e instalación de iluminación. Segundo Seara, a finalidade é "crear espazos públicos dinámicos e funcionais que sirvan á comunidade", integrando estas parcelas na trama urbana e convertendoas en puntos de referencia que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Dende o BNG precisan que estes denominados microespazos se corresponden con pequenos recunchos urbanos, miniparques ou áreas de proximidade pensadas a escala humana, recuperadas e adaptadas para o disfrute cotián da cidadanía. A formación insiste en que a propiedade dos solares non pasaría en ningún momento a mans públicas: a intervención do Concello dependería sempre da sinatura previa dun convenio con cada propietario, e no momento en que este decidise vender o terreo ou construír nel, o Concello retiraría todo o mobiliario instalado para permitir a execución da devandita venda ou obra.

Seara subliñou que este tipo de actuacións leva anos funcionando noutras cidades, co obxectivo principal de manter os solares libres de maleza e lixo, así como de abrir espazos de encontro en recunchos dos barrios que actualmente se atopan abandonados. Estas zonas, engadiu, poderían destinarse ao lecer, ao encontro veciñal e ao desenvolvemento de pequenas actividades comunitarias.

O grupo nacionalista relaciona esta proposta coa situación que atravesa actualmente o casco histórico ourensán, ao que lle atribúe un proceso de degradación e despoboamento progresivo. Segundo a súa valoración, o peche paulatino dos comercios que aínda permanecen abertos na zona, xunto á perda de poboación, está a xerar unha área extensa en pleno centro da cidade con solares cubertos de maleza e edificios en estado de ruína ou abandono, o que ao seu xuízo supón tamén un risco para a seguridade das persoas.

0.171217918396