O BNG de Ourense reclama cambios no modelo de xestión dos recursos hidroeléctricos da provincia

OurenseXa
Esixen que a riqueza hidroeléctrica de Ourense reverta nos concellos afectadospolos encoros e as infraestruturas enerxéticas e se converta en emprego e desenvolvemento
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana-BNG Ourense
Xosé Manuel Puga, Bernardo Varela, María Mangana-BNG Ourense
22 Jun 2026

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Ourense levará ao vindeiro pleno unha moción na que demanda un novo modelo de aproveitamento dos recursos hidroeléctricos co obxectivo de que a riqueza xerada na provincia reverta de maneira efectiva nos concellos afectados polos encoros e as infraestruturas enerxéticas.

A iniciativa foi presentada polo voceiro provincial do BNG, Bernardo Varela, xunto con María Mangana e Xosé Manuel Puga, e parte da reclamación de que os beneficios derivados da produción eléctrica teñan un impacto directo no territorio produtor.

Segundo explican, o BNG propón que a Deputación inste ao Estado e ás confederacións hidrográficas a crear un sistema específico de reversión territorial da recadación procedente das taxas e cánones hidroeléctricos, de forma que unha parte destes ingresos retorne aos concellos afectados en función de criterios obxectivos como a potencia instalada, a superficie inundada ou o impacto social e ambiental.

A moción tamén pide á Xunta de Galiza que defenda un novo modelo de compensación territorial que recoñeza o papel de Ourense como territorio xerador de electricidade renovable e incorpora a proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega que permita reducir de maneira significativa a factura da luz para as familias e pequenas e medianas empresas situadas nos concellos afectados polos encoros.

“O que reclamamos é unha cuestión de xustiza territorial. Se Ourense produce unha parte fundamental da electricidade do Estado, esa riqueza ten que traducirse en benestar, emprego e futuro para a nosa xente”, defendeu o voceiro nacionalista.

O BNG aposta ademais pola elaboración dun Plan Industrial e de Desenvolvemento Local vinculado á enerxía, co obxectivo de atraer industrias e servizos ligados á transición enerxética, impulsar proxectos de economía social e turismo sostible e aplicar criterios de discriminación positiva para favorecer a implantación de actividade económica nas comarcas máis afectadas pola perda de poboación.

“O que non chega é con que os concellos reciban impostos ou compensacións puntuais. É necesario construír un modelo que transforme os recursos naturais da provincia en oportunidades reais para a veciñanza e para as novas xeracións. A enerxía que se produce en Ourense ten que servir para crear emprego, industria e fixar poboación”, afirmou Bernardo Varela.

A formación nacionalista sostén que Ourense é unha das principais produtoras de enerxía hidroeléctrica do Estado, con máis de 2.500 MW de potencia instalada e unha produción anual superior aos 5.400 GWh, pero sinala que a provincia continúa a ser unha das máis envellecidas e con maior perda de poboación e escasa actividade industrial.

O BNG denuncia tamén que os beneficios económicos e o emprego asociado á cadea de valor da enerxía non se quedan no territorio. “Temos unha provincia que actúa como un auténtico pulmón enerxético do Estado, pero os beneficios económicos e o emprego asociado á cadea de valor da enerxía quedan fóra do noso territorio”, sinalou Varela.

A iniciativa recolle ademais exemplos que, segundo o grupo provincial, ilustran esta situación, como o caso de Castrelo de Miño, onde a construción do encoro supuxo a perda de centos de hectáreas de terras agrarias e unha forte caída demográfica, pasando de 4.832 habitantes no momento da construción da presa a 1.292 na actualidade.

Tamén citan o caso do concello da Rúa, onde estaba o centro de mando para a zona galega das centrais hidroeléctricas, posteriormente trasladado a Salamanca. “As centrais quedaron aquí, pero os empregos marcharon”, recolle a formación, que afirma que os traballadores especializados que quixeron continuar tiveron que marchar de Galicia.

Como último exemplo, o BNG menciona o caso no que a Deputación de Ourense tivo que asumir 1,2 millóns de euros que o Concello de Nogueira de Ramuín non puido cobrar a Iberdrola, despois de que a compañía recorrera as liquidacións. “Ao final ese diñeiro acabámolo pagando entre todos os concellos da provincia. E nunca máis volvemos saber do asunto”, conclúe Bernardo Varela.

0.11819696426392