O BNG de Xunqueira de Ambía denuncia o mal estado da Praza do Concello e reclama o seu arranxo urxente

O BNG de Xunqueira de Ambía denunciou o deterioro da Praza do Concello, que cualifican como un “circuíto diario de obstáculos” tanto para peóns como para vehículos que transitan por este punto clave do municipio.
Segundo trasladan os nacionalistas, o pavimento presenta numerosas pedras rotas e levantadas, o que dificulta o paso e supón un risco constante. Lembran ademais que non se trata só dunha zona de paseo, senón dun espazo polo que circulan coches a diario, ao funcionar como vía de paso dentro da localidade.
A esta situación súmase, segundo indican, a falta de iluminación rexistrada nos últimos días, o que, advirten, incrementa aínda máis o perigo para a veciñanza. Desde o BNG consideran que este escenario evidencia unha falta de mantemento nun lugar que debería estar en condicións axeitadas polo seu uso cotián, polo que reclaman medidas urxentes. “Manter en condicións un punto de paso básico non debería ser opcional”, subliñan desde a formación nacionalista.