O BNG de Xunqueira de Ambía reclama avances no parque infantil de Cerdeira e a instalación dunha farola nos Corgas

O BNG de Xunqueira de Ambía volveu preguntar no último pleno municipal pola situación do parque infantil de Cerdeira, unha infraestrutura que, segundo sinala a formación, leva anos pendente de execución.
Segundo explican, o goberno municipal respondeu que o persoal do Concello está a traballar na zona e que os xogos se instalarán “xa”. Como novidade, indicouse tamén que o peche do espazo será realizado pola Comunidade de Montes.
Con todo, o BNG asegura que se trata dunha situación que se repite desde hai tempo, xa que, segundo trasladan, os xogos levan adquiridos arredor de dous anos sen que exista unha data concreta para a súa instalación. A formación considera que a veciñanza de Cerdeira “merece algo máis que promesas repetidas pleno tras pleno” e reclama compromisos claros e actuacións rematadas.
Por outra banda, o grupo nacionalista tamén preguntou pola instalación dunha farola na zona dos Corgas, unha demanda veciñal destinada a mellorar a seguridade nun espazo habitado por novos residentes e moi utilizado para paseos, especialmente durante o verán.
Segundo o BNG, tras varios meses de espera debido a que a farola estaba pendente de pintura, o goberno municipal indicou agora que é necesaria unha autorización da Deputación para poder proceder á súa colocación.
A formación expresa a súa sorpresa polo atraso dunha actuación que cualifica de sinxela e sinala que a explicación resulta difícil de entender, tendo en conta que Concello e Deputación están gobernados pola mesma formación política.