O BNG denuncia "a falta de interese" do alcalde de Ourense en materia de igualdade

OurenseXa
“O Samaín comezan a preparalo en xullo mais o 25N o 24 de outubro”, advierten os nacionalistas
Erea Blanco, Concelleira do BNG no Concello de Ourense
Erea Blanco, Concelleira do BNG no Concello de Ourense
25 Oct 2024

A un mes do 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación da violencia machista, o Concello de Ourense celebrou onte o Consello Municipal de Igualdade na nova sede do CIMM, no barrio das Lagoas. Desde o Grupo municipal do BNG sinalan que levan meses advertindo da “periódica degradación dos Servizos Sociais e da igualdade no Concello ante un Executivo local impasible ante esta situación”.

A Concelleira nacionalista Erea Blanco, participante do Consello Municipal de Igualdade, advertía onte durante a reunión do mesmo que “ao Goberno Local non lle importa nada que teña a ver coa igualdade, así o demostran facendo Consellos rituais estéticos antes das datas sinaladas”, e engade, “o Samaín comezan a preparalo en xullo mais o 25N o 24 de outubro”.

Blanco lembra que “cando se iniciou o traslado do emprazamento do CIMM pedimos unha convocatoria extraordinaria deste Consello que non se celebrou, pedimos moitas veces explicacións sobre o que ía acontecer co edificio da rúa do Ensino e obtivemos a calada por resposta. O BNG leva moitos anos acreditando e defendendo a existencia do Consello Municipal de Igualdade como un espazo seguro e no que pode traballar, conxuntamente, para mellorar as políticas de igualdade que se pretenden desenvolver desde o Concello”.

Así, afirma Blanco, “no que levamos de mandato pedimos que se faga un estudo de puntos cegos da cidade para poder atallalos e que se mellore a seguranza para as mulleres, pedimos que se empregue vivenda baleira municipal para vítimas de violencia machista, que se retome o proxecto do rueiro ou que se normalice a instalación de puntos lilás mais a realidade é que non queren nin as nosas ideas nin as nosas propostas, queren facer deste Consello un mero ritual e punto”.

Desde o Grupo Municipal do BNG advirten que non van lavar a cara de quen goberna sen ter en conta a igualdade, “neste Consello Municipal de Igualdade pedimos que se tome en serio o traballo que se pode desenvolver desde aquí, vemos como cada vez hai menos participación neste órgano e isto ratifica o que advertimos como BNG, o Consello Municipal de Igualdade non pode ser un ritual estético, queremos que se fagan actividades desde aquí, contando coa voz de todas e non simplemente para cumprir un cupo de convocatorias”.

0.15229105949402