O BNG denuncia a “nefasta comunicación por transporte público das comarcas de Celanova e da Baixa Lima”

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno provincial da Deputación de Ourense a respecto da nefasta comunicación por transporte público das comarcas de Celanova e da Baixa Lima.
Desde a organización nacionalista demandase o apoio da corporación provincial para acadar da Xunta de Galiza a modificación da situación do transporte público para estas comarcas co obxectivo de acadar o aumentos das frecuencias diarias entre Ourense, Celanova e Bande e adaptación dos horarios ás necesidades dos usuarios, xa que os actuais non permiten usar o transporte público no día a día.
Tamén, sinalaba o deputado provincial do BNG Xosé Manuel Puga, esiximos da Xunta de Galiza crear reforzos de frecuencias os venres e domingos pola tarde, no dobre sentido Bande-Ourense, ao se producir nos últimos anos un aumento de demanda de estudantes e traballadores que se desprazan dende Ourense na fin de semana. Sendo necesaria tamén, continúa afirmando o deputado nacionalista, a creación de servizos os días festivos, xa que na actualidade non existe ningún servizo.
Para os nacionalistas tamén é preciso a mellora das redes intermunicipais e as súas conexións coas cabeceiras de comarca, especialmente en época non escolar que permitan á poboación facer uso doutras liñas principais cara Ourense.
Na actualidade, de luns a venres, a conexión dende Bande e Ourense só conta con 2 frecuencias, ás 7.45 e as 16.10 horas; igualmente no sentido inverso, a liña de Ourense - Bande só ten servizo ás 13.00 h e as 20.00 horas. As fins de semana, existen similares frecuencias, pero os días festivos, como o próximo mércores, 25 de decembro, non haberá ningún bus entre estas comarcas, por non falar das conexións ata concellos como Lobios ou Entrimo, que a maiores de ter que facer transbordo en Bande, quedan totalmente dependentes da rede escolar varios dias á semana. Non mellora a situación entre Ourense e Celanova, xa que a pesar de ter unha frecuencia a maiores, esta é ás 13.50 horas, é dicir, dous servizos entre as 13:00 h e 14:00 h e outro ás 20.00 horas, non dando cobertura a outras franxas do día. O mesmo pasa no sentido inverso, habendo dous servizos entre as 8.00 e as 9.30 horas e unicamente outro ás 16.30 horas non permitindo volver de Celanova a Ourense a partir desta hora.
As liñas de transporte público concesionadas pola Xunta de Galiza en absoluto solucionan os problemas de comunicación viaria, polo que existe unha importante preocupación veciñal, cada vez máis grande, ao respecto deste servizo de conexión entre concellos da Baixa Limia-Celanova e Ourense.
Aumentar a frecuencia dos horarios melloraría a vida dunha boa parte da veciñanza, sinalaron os nacionalistas. Ampliar as liñas e frecuencias, en horarios acaídos, daríalle a posibilidade a moita xente de residir na comarca, aínda traballando fora. “A Xunta ten a posibilidade de modificar os horarios e as frecuencias para dotar a estas comarcas dun dos servizos fundamentais que precisa o rural, afirmaba Puga, e ese servizo fundamental para o rural é transporte público co que garantir unha mobilidade axeitada para a veciñanza”.
Máis de 500 firmas
Laura Pérez, Responsábel Comarcal de Galiza Nova de Terras de Celanova e Baixa Limia – Organización xuvenil do BNG, acompañada de militancia de Galiza Nova e dos deputados Iago Tabarés, Noa Presas e os deputados Provinciais María Mangana e Xosé Manuel Puga, rexistraban na delegación territorial da Xunta de Galiza en Ourense, máis de cincocentas sinaturas para demandar da Xunta de Galiza a mellora do transporte público en entre as comarcas de Celanova e da Baixa Limia con Ourense.
“Precisamos máis servizos para permitir unha mellor mobilidade para os estudantes e as estudantes que se ven na obriga de alugar pisos na cidade para cursar os seus estudos na Universidade ou da FP xa que non contan con conexións adaptadas ás súas necesidades”; declarou a representante das mocidades nacionalistas de Celanova, que continuou sinalando que “ninguén entende que en días festivos, non haxa ningún servizo ou que o último servizo entre Bande, Celanova e Ourense sexa ás 4 da tarde”
Tal como xa sinalaba a Responsábel Comarcal, nos últimos meses, a demanda foi en aumento, propiciada tamén polo aumento de xente retornada que non conta con vehículo privado, polo que se han de establecer ao mesmo tempo máis servizos, especialmente ao final da semana e da fin de semana, co fin de crear máis alternativas para ir ou vir dende Ourense, pero tamén para ir ata a estación de tren e viaxar cara outras cidades como Santiago ou a Coruña.
Durante o pasado mes de novembro, a xuventude nacionalista animou á veciñanza a asinar e reclamar máis e mellores servizos de autobús para se desprazar ata Ourense. “Durante este mes de recollida de sinaturas, a xente recoñeceu que a vila estaba discriminada con respecto doutras vilas do mesmo tamaño, que conta con numerosos servizos diarios.”
Para rematar a Laura Pérez indicaba que todas estas reclamacións non obvian nen esquecen a necesidade dunha mellora xeral dos servizos entre os concellos da comarca con Celanova e Bande, especialmente cando o transporte de escolar non ten servizos durante as vacacións