O BNG denuncia as “dilacións inxustificadas” na execución de sentenzas por parte do Concello de Ourense

OurenseXa
A formación nacionalista sinala que ditos atrasos supoñen un incremento notable das cantidades correspondentes aos xuros de mora
Luis Seara, portavoz do BNG no Concello de Ourense
Luis Seara
15 Dec 2024

O grupo municipal do BNG en Ourense leva tempo advertindo de que “a caótica xestión do actual Goberno Local está sumindo ao Concello na parálise”, máis advirten tamén que dita xestión “está a ter desde hai tempo” repercusións moi importantes nas arcas municipais.

O Portavoz municipal dos nacionalistas Luís Seara sinala que “temos denunciado en innumerables ocasións a nefasta xestión económica do actual Goberno Local, xestión que está situando ao Concello ao bordo do colapso”, e engade, “tamén temos denunciado a situación na que se atopan a práctica totalidade das concesións administrativas e as consecuencias económicas que esa situación está a ter nas arcas municipais”.

A alta conflitividade xudicial e o xeito en que o Goberno Local aborda boa parte dos procedementos é outro dos factores que, segundo a formación nacionalista, “incide notablemente na economía do Concello, xa que en moitas ocasións, recórrense sentenzas e prolónganse procedementos xudiciais co único obxectivo de gañar tempo, sabedores de que os mesmos teñen escaso percorrido pero que pola contra teñen repercusións económicas para todas e todos moi gravosas”.

Seara toma como exemplo o acordo acadado pola Xunta de Goberno Local celebrada o venres día 13 de decembro e no que, en base a un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense, corríxense e actualízanse os xuros correspondentes á execución definitiva da sentenza do procedemento promovido no seu día por Urbanos de Ourense SL. “no auto establécese por erro, como cantidade devengada en concepto de xuros até o 31 de decembro de 2023 a suma de 1.837.499,61 euros en lugar dos 1.448.508,04 euros, é dicir, un incremento de 388.991,61 euros que sairán do peto de todas e todos os veciños de Ourense”.

Luís Seara denuncia que “estamos diante dunha sentenza do ano 2019 que o Goberno Local, como noutros tantos casos, non quixo asumir pese a ser coñecedores de que os recursos que se puideran presentar tiñan moi pouco percorrido máis alá de gañar tempo, un tempo que nos sae moi caro ás veciñas e veciños xa que a día de hoxe, e falamos a 31 de decembro de 2023, os xuros soamente por esta sentenza están preto dos dous millóns de euros sen contar que estamos en decembro de 2024 e a sentenza segue sen executarse polo que os mesmos seguirán aumentando”.

0.16635704040527