O BNG esixe ao Concello de Ourense que inicie de forma inmediata a recuperación da Casa de Baños tras o incendio

O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense lamenta o incendio rexistrado na pasada madrugada na antiga Casa de Baños de Outeiro, situada nas traseiras da Cadea Vella, e reclama ao Goberno local que inicie sen demora a súa recuperación. Para a formación nacionalista, o suceso encaixa no que describen como “o desleixo, a falta de interese e o abandono por parte do actual Executivo local”.
O portavoz do BNG, Luís Seara, puxo en valor en primeiro lugar “que non se producisen danos persoais” e agradeceu tamén “o traballo levado a cabo polos Servizos de emerxencia e especialmente de aqueles dependentes do Concello como é o Corpo de Bombeiros e a Policía Local”.
Desde o grupo municipal lembran que o edificio afectado conta cunha relevante carga histórica e patrimonial, e subliñan que se trata dun inmoble “de titularidade municipal polo cal o Goberno Jácome non amosou o máis mínimo interese ao longo dos últimos anos, permitindo a súa paulatina degradación pese a terse aprobado no Pleno iniciativas encamiñadas a súa recuperación e posta en valor”.
Seara considera que o acontecido reflicte “o estado de decadencia e de abandono ao que ten sometido este Goberno boa parte do noso patrimonio”, incidindo en que non se trata dun inmoble calquera, senón dunha Casa de Baños “que é historia da cidade, sendo un dos edificios non residenciais obra de Vázquez Gulías e sen o cal non se entende o desenvolvemento termal ao longo dos tempos”.
O portavoz tamén sinalou que “o incendio é a metáfora desgraciada de como se atopa o termalismo e o patrimonio da nosa cidade, absolutamente abandonado diante dun Goberno esgotado, falto de ideas e sen o máis mínimo interese por nada”.
Finalmente, e á espera de que se aclaren as causas do lume, tendo en conta que o edificio fora tapiado horas antes, o BNG insta ao executivo municipal a “poñerse a traballar desde xa na recuperación do inmoble para darlle unha segunda vida e non deixar esmorecer o pouco que por desgraza xa queda del”.