O BNG esixe “transparencia e compromiso real” para finalizar a Variante Exterior do AVE en Ourense

OurenseXa
A formación denuncia atrasos e falta de claridade sobre a execución completa do proxecto
variante-exterior-ave-ourense
27 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou ás Cortes do Estado unha petición dirixida ao Goberno central e ao Ministerio de Transportes para reclamar información detallada, actualizada e transparente sobre o estado das obras da Variante Exterior do AVE en Ourense. A formación denuncia atrasos e falta de claridade sobre a execución completa do proxecto.

As obras desta infraestrutura, consideradas clave para a conexión ferroviaria de alta velocidade, iniciáronse en 2022 coa execución dos tramos Taboadela–Túnel de Rante e Túnel de Rante–Seixalbo, correspondentes á primeira fase. Porén, desde o BNG sinalan que os prazos previstos non se están a cumprir e que os traballos se prolongarán máis aló do inicialmente previsto, probablemente durante 2026.

Especial preocupación xera, segundo a formación nacionalista, o tramo final entre Seixalbo e a estación de Ourense, cuxa execución podería non abordarse a curto prazo. O Ministerio estaría valorando non acometelo ao considerar que non suporía unha redución significativa do tempo de viaxe. Para o BNG, esta decisión consolidaría unha entrada do AVE en Ourense con limitacións estruturais, nun trazado de vía única e con restricións de velocidade que xa xeran incidencias.
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, sostén que “non ten sentido renunciar a un tramo fundamental que permitiría eliminar o paso polo intercambiador de Taboadela e evitar as actuais limitacións de velocidade, mellorando tanto a seguranza como a eficiencia do servizo”.

Da Silva critica ademais a falta de información por parte do Ministerio de Transportes ante as iniciativas parlamentarias rexistradas. Segundo lembra, hai un ano o Goberno limitouse a sinalar que ADIF traballaba na primeira fase con financiamento europeo, sen achegar prazos nin datos sobre o conxunto da variante nin sobre o tramo pendente de uns nove quilómetros ata a estación de Ourense.

En palabras da senadora, “é inadmisíbel que o Ministerio non dea explicacións nin concrete prazos, nin tampouco clarifique se existe unha decisión firme sobre o futuro da Variante Exterior”. Tamén cuestiona que se xustifique unha posible paralización en criterios de aforro de tempo, cando a infraestrutura actual obriga a reducir a velocidade dos trens.

O BNG reclama un informe completo sobre o estado das obras nos tramos actualmente en execución, así como un calendario realista de finalización. Así mesmo, pide que se aclare de forma inmediata se se decidiu non executar o tramo entre Seixalbo e Ourense e, de ser así, as razóns desa decisión.

“O Goberno e, no concreto, o Ministerio de Transportes deben garantir que a chegada do AVE a Ourense se realizará en condicións de dobre vía, con estándares de alta velocidade e máximas garantías de seguranza”, conclúe a senadora nacionalista.

0.13407802581787