O BNG insiste en que o vial de acceso ao CHUO non resolve o problema real de mobilidade da zona

A Xunta de Galicia presentou o proxecto do novo vial de acceso ao CHUO desde a N-525, cun investimento que supera os 4,3 millóns de euros. Tras coñecer os detalles, o BNG sinalou que a proposta non dá resposta ás necesidades reais da cidade, o que ao seu xuízo confirma as advertencias que o partido vén facendo desde hai anos.
O portavoz municipal, Luís Seara, lembrou que xa en 2023 o BNG alertou de que se trataba dun simple parche que non aborda o problema principal: o colapso da rúa Ramón Puga. Por esta vía, dun único carril en cada sentido, circulan autobuses, ambulancias, vehículos que acceden a urxencias e consultas, o tráfico ordinario cara Barrocás e Rairo, e os vehículos que entran e saen do aparcadoiro do hospital. Segundo Seara, o proxecto actual é practicamente o mesmo que xa se criticou daquela: 640 metros que conectan a N-525 coa avenida do Regato, pero que non achegan solución ningunha para descongestionar Ramón Puga nin Marcelo Macías.
Desde o BNG lembraron que xa en xaneiro de 2025 levaron ao Pleno unha moción para reclamar a execución completa do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás, tal e como figura no PXOM de 2013, en lugar da versión reducida que manexa a Xunta. A moción foi aprobada cos votos a favor do BNG, o PSdeG e Democracia Ourensana, e a abstención do PP.
O voceiro nacionalista insistiu en que non vale con executar a metade da obra e presentala como se fose a solución definitiva. Engadiu que, tras os atrasos acumulados "o proxecto debía estar en exposición pública xa en 2024", o mínimo esixible era que a Xunta aproveitase para corrixir os erros que o BNG vén sinalando desde o principio.