O BNG pide a participación activa do Concello de Ourense na celebración do ano Castelao

OurenseXa
Solicitan o impulso dunha programación municipal propia “que poña de relevo a dimensión política, o seu compromiso con Galicia, a súa obra artística e literaria e o seu humanismo e internacionalismo solidario”
Erea Blanco, Concelleira do BNG no Concello de Ourense
Erea Blanco
3 Feb 2025

Se por algo se caracteriza o presente ano 2025 é pola súa declaración como ano Castelao, en homenaxe a quen, segundo sinala a Concelleira do BNG Erea Blanco “é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galicia, unha condición que deriva dunha traxectoria vital guiada pola integridade ética, a loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a militancia no internacionalismo solidario”.

O Grupo municipal das nacionalista entende preciso “honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galicia. Temos a obriga de facelo sendo fieis ao seo pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político que constitúen unha unidade indisolúbel. O primeiro presidente de Galicia foi un demócrata íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao ao longo da súa vida e en todos os lugares do mundo nos que estivo, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego”.

Erea Blanco lembra que “inmediatamente despois da súa morte, o franquismo iniciou a construción dunha versión manipulada de Castelao, enxalzando o creador e o artista xenial, e atacando, ocultando ou minimizando a súa traxectoria e obra política” e engade, “continuar con esta visión distorsionada, convertelo nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, utilizalo como estandarte en contra dos ideais que defendeu, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou”.

O BNG agarda acadar o apoio do resto de Grupos da Corporación para “instar á Xunta de Galiza ao recoñecemento de Castelao como primeiro Presidente de Galicia e o Consello de Galicia como o primeiro Goberno galego da etapa contemporánea. Para instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a apoiar a declaración do ano 2025 como Ano Castelao así como para que desde o Concello se impulse unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galicia, a súa obra artística e literaria e o seu humanismo e internacionalismo solidario”.

A formación nacionalista tamén quere pór o foco na situación na que actualmente se atopa a estatua homenaxe sita na Praza da Imprenta, reclamando “a adopción de todas as medidas que sexan precisas co obxectivo de protexer a súa integridade”.

0.17845988273621