O BNG pide explicación pola situación do Centro Integral de Saúde de Ourense

O BNG preguntará no próximo Pleno do Parlamento galego, previsto na vindeira semana, sobre a situación do Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense. Así o anunciou esta mañá a deputada nacionalista, Noa Presas, que cualificou esta infraestructura como a “chapuza da Xunta” na cidade.
Desde o BNG lembran que, recentemente, a Xunta de Galiciia avanzaba aos medios de comunicación a decisión de paralizar a obra, até que o Xulgado falle os recursos veciñais, situación que vén despois dunha forte oposición tamén no ámbito das e dos sanitarios e das e dos usuarios e usuarias á proposta de traslado da Xunta.
O Goberno Galgo, explica Presas, “prometeu no ano 2020 un Centro Integral de Saúde sabendo que non tiña garantías de viabilidade técnica e sen falar co persoal sanitario implicado”. Porén, denuncia, “agora atopámonos con que non hai transparencia nin explicacións sobre o futuro dun investimento que está paralizado coa desculpa das demandas xudiciais da veciñanza”.
Presas insiste en que “hai que recordar que o persoal sanitario implicado tanto de atención primaria como dos servizos hospitalarios opuxéronse ás propostas chapuzas da Xunta para reorganizar os servizos entre o Centro de Especialidades, o Hospital e o Centro de Saúde do Couto e a Xunta no canto de dialogar tentou ir costa abaixo e sen freos”.
Os nacionalistas lembran ademais que, hai máis dun ano e a pesar de que esta situación estaba xudicializada desde o 2024, a Xunta decidía ir adiante co traslado “contra a vontade da comunidade sanitaria”. Unha medida que tivo que ser paralizada porque, en palabras de Presas “era un disparate”.
Para o BNG “cómpre recordar que a promesa dun CIS para Ourense nacía xa a finais do ano 2020. Porén, a realidade é que cinco anos despois, mentres os CIS de Lugo, de Vigo e de Lalín, comprometidos na mesma altura, están rematados e en funcionamento, o investimento en Ourense continúa na lista de tarefas pendentes, da mesma maneira que segue sen estar rematado o Edificio de Hospitalización que tiña que estar no 2025 e que impide derrubar xa o Materno, demolición anunciada no 2024”.
Presas pide á Xunta “rectificación co abandono de Ourense e que se comprometa a dialogar co persoal sanitario cal debe ser a alternativa para o Centro Integral de Saúde e cal debe ser o futuro do Nóvoa Santos e dos servizos prestados no Centro de Especialidades porque é evidente que fracasou nesta previsión e a realidade é que Ourense non ten CIS nin previsión de novos Centros de Saúde na cidade malia as demandas, por exemplo, do Centro do Vinteún”.